Moeda do reino de Bitinia
A moeda do reino de Bitinia é a cuñada a nome dos gobernantes do reino de Bitinia, situado nas costas do Mar Negro, desde as primeiras emisións de Nicomedes I (ca. 280 - ca. 250 a. de C.) ata a romanización do reino tras a morte de Nicomedes IV en 74 a. de C.
Historia
[editar | editar a fonte]Expansión da moeda na rexión
[editar | editar a fonte]As emisións monetarias dos reinos de Asia Menor en determinados períodos da súa historia foron moi habituais e abundantes. Logo da expansión de Pérgamo baixo a dinastía Atálida, os reinos máis pequenos aproveitáronse da situación política e aumentaron o seu poder na rexión. Bitinia, Capadocia e o Ponto son casos ben coñecidos e estudados polas súas abundantes emisións en certos momentos. O reino de Bitinia incorporou as áreas máis monetizadas baixo o seu dominio e os seus gobernantes cuñaron series de moedas de prata e bronce longas e constantes. Noutros lugares, os capadocios salientan principalmente polas súas emisións militares de moedas, e a rexión póntica, menos monetizada, cuñou moedas de ouro, prata e, moi abundantemente, de bronce. Coñécemnse tamén emisións de Bitinia e da Capadocia en bronce.[1]
Cuñaxes do reino de Bitinia
[editar | editar a fonte]En tempos do primeiro rei de Bitinia, Cipetes I (ca. 298 - ca. 279 a. de C.) descoñécese calquera tipo de emisión monetaria.[2]
As primeiras moedas bitinias das que se ten constancia corresponden ao reinado de Micomedes I (ca. 280 - ca. 250 a. de C.). Este monarca é coñecido por levar os galos gálatas a Asia Menor en 277 a. de C. para loitar contra o seu irmán Antíoco I, o que ocasionou problemas ás poboacións gregas locais durante un século. A principios de 260 a. de C., probablemente en 264, segundo Eusebio, trasladou a capital a Nicomedia, cidade na que existía unha casa de moeda. Deste período coñécense tetradracmas e dracmas de prata do padrón ático, e sábese tamén que se levaron a cabo cuñaxes de bronce.[3] De feito, tanto os bitinios como os capadocios comezaron as súas emisións de moeda propia con pequenas series de bronce.[1]
Do seu sucesor, Cileas (ca. 250 - 230 a. de C.) chegaron aos nosos días unicamente emisións de bronce, aínda que se conservan moi poucos exemplares.[3]
Durante o reinado de Prusias I (ca. 232 - 182 a. de C.) regularizouse e sistematizouse a emisión de moeda de bronce e de prata no reino, e ao seu nome prodúcense as primeiras grandes emisións monetarias.[1] Nos catálogos numismáticos máis habituais que cobren esta época hai unha certa confusión, xa que non se fai a diferenza entre os bronces de Prusias I e de Prusias II (182 - 149 a. de C.), en tanto que algunhas moedas de Cileas poden aparecer como atribuídas a Prusias I.[3]
O máis salientable de Nicomedes II (149 - 127 a. de C.) é o comezo, baixo o seu reinado, dos primeiros estateros de ouro da historia do reino. Estas moedas amosan o retrato do rei nos seus anversos e un xinete ao galope nos reversos, e introducen o ano de emisión da era bitinia, en substitución da datación da era seléucida.[4][5]
Tanto Nicomedes III (ca. 127 - 94 a. de C.) como Nicomedes IV (ca. 94 - 74 a. de C) cuñaron tetradracmas similares aos do seu antecesor Nicomedes II.[2]
A fin do reino
[editar | editar a fonte]Á morte de Nicomedes IV en 74 a. de C., o reino pasou a estar gobernado polo Imperio Romano. Logo reconstituíuse inicialmente como provincia romana e posteriormente pasou a formar parte da provincia de Bitinia e Ponto. A Administración romana trouxo consigo a introdución da que se coñece como moeda provincial romana, co que as emisións de Bitinia chegaron ao seu fin.[2][6][7]
Nesta etapa de administración romana, 29 cidades da provincia de Bitinia e Ponto emitiron moeda durante o século II d. de C.[6][7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "The Last Hellenistic Kings (Bithynia, Cappadocia, Pontus)". En Metcalf, W. E. (2016). Páxina. 185.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Bithynia". En Snible.org
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Mørkholm, O. (1991). Páxina 130.
- ↑ Bilde, P. (1996).
- ↑ Højte, J. M. (2006). Páxinas 15-30.
- ↑ 6,0 6,1 Burnett, A.; Amandry, M.; Carradice, I. (1999). Páxinas 92-95.
- ↑ 7,0 7,1 Sayles, W. G. (1998). Páxinas 46-47.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bilde, P. (1996). Aspects of Hellenistic Kingship. Aarhus University Press. ISBN 978-87-7288-474-5
- Burnett, A.; Amandry, M.; Carradice, I. (1999). Roman provincial coinage: From Vespasian to Domitian: (AD 69-96). British Museum. ISBN 978-0-7141-0898-8
- Corsten, T. (1996). Katalog der Bithynischen Münzen der Sammlung des Instituts für Altertumskunde der Universität zu Köln. Band 2: Konige, Commune Bithyniae, Stadte (ausser Nikaia). Westdeutscher Verlag, Opladen. ISBN 9783531099415
- Metcalf, W. E. (2016). The Oxford Handbook of Greek and Roman Coinage. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-937218-8
- Mørkholm, O. (1991). Early Hellenistic Coinage from the Accession of Alexander to the Peace of Apamaea (336–188 BC). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-39504-5
- Højte, J. M. (2006). "From Kingdom to Province: Reshaping Pontos after the Fall of Mithridates VI". En Tønnes Bekker-Nielsen (ed.). Rome and the Black Sea Region: Domination, Romanisation, Resistance. Aarhus University Press.
- Sayles, W. G. (1998). Ancient Coin Collecting IV: Roman Provincial Coins. F+W Media. ISBN 0-87341-552-3
- Weiser, W. (1983). Katalog der Bithynischen Münzen der Sammlung des Instituts für Altertumskunde der Universität zu Köln. Band 1: Nikaia – mit einer Untersuchung der Prägesysteme und Gegenstempel. Westdeutscher Verlag, Opladen. ISBN 978-3531099194