Manuel Díaz Rozas
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1894 A Coruña, España |
Morte | 2 de marzo de 1984 (89/90 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | mestre, pedagogo |
Familia | |
Cónxuxe | Cristina Pol García |
Manuel Díaz Rozas, nado na Coruña en 1894 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1984[1], foi un mestre e pedagogo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Logo de realizar estudos normalistas na Coruña continuounos na Escuela Superior de Magisterio de Madrid. En 1920 foi profesor na Escola Normal de Zamora ao ano seguinte inspector-xefe de educación primaria na provincia da Coruña. Gozou dunha estancia de estudos pedagóxicos no Instituto Rousseau de Xenebra en 1920 e ao ano seguinte visitou de varios países europeos para coñecer as súas realidades escolares. Durante a ditadura de Primo de Rivera foi apartado do cargo e enviado a Huelva polas súas ideas republicanas. En 1930 volveu facer unha nova viaxe por varios países.
Durante a Segunda República regresou á Coruña. Foi membro da Agrupación al Servicio de la República e despois relacionouse coa ORGA e cos galeguistas. Foi promotor da Asociación de Vanguardia Pedagógica e do seu Boletín de Vanguardia Pedagógica e tamén do intento de crear en Galicia unha Sociedad Paidológica Gallega en 1932. Neste ano, na Asemblea Estatutaria Galega, defendeu a necesidade de realizar un tratamento político autonómico do ensino. Tamén foi un dos promotores das Misións Pedagóxicas (1933) na Coruña e Pontevedra. En 1934 pasou a dirixir a sección de Pedagoxía do Seminario de Estudos Galegos, ao amparo da cal funcionou un laboratorio de psicotecnia e se realizaron conferencias pedagóxicas en 1935 en Pontevedra (Díaz Rozas defendeu a necesidade da galeguización lingüística escolar e da práctica dunha escola activa no contexto dunha renovada escola rural).
Co inicio da Guerra Civil foi sancionado co trasladado a Ávila, sen poder exercer cargos directivos dentro da inspección. Despois foi afastado definitivamente da inspección e ata os anos cincuenta non puido reincorporarse á súa función.
Casado coa tamén inspectora Cristina Pol, reuniron unha importante biblioteca psicopedagóxica que se recuperou e incorporou ao Seminario de Estudos Galegos e ao Instituto Galego de Información.
Obras
[editar | editar a fonte]- Datos biográficos de Don Leopoldo Pedreira Taibo, 1915 (en colaboración con Federico García).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Necrolóxica en La Voz de Galicia, 3-3-1984, p. 50.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel Díaz Rozas |