Luís Freire
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1914 A Coruña, España |
Morte | 13 de decembro de 1997 (82/83 anos) Vigo, España |
Actividade | |
Ocupación | botánico |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | L.Freire |
Luís Freire García, nado na Coruña en 1914 e finado en Vigo o 13 de decembro de 1997,[1] foi un botánico e micólogo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Familia
[editar | editar a fonte]Os seus avós paternos foron Juan Freire Bolaño, traballador de La Voz de Galicia e Bruna Eiroa Pérez, natural de Pravio (Cambre). Sobreviviron tres fillos: Ramón, seu pai, José Andrés (Pepe) e Juan. Tivo dous irmáns, Óscar e Carlos, mais outros 3 por parte de nai, do seu primeiro matrimonio. Seu medio irmán Octavio foi "paseado" a comezos do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 por estar vinculado á CNT.
Criouse entre os 3 e os 12 anos en Vilalba, en casa dos seus avós maternos, volvendo despois á Coruña. Estudou por libre o bacharelato elemental en só dous anos, despois fixo a reválida e o bacharelato superior. Exerceu de practicante. Posteriormente desenvolveu a afección polo estudo dos insectos, arañas e plantas.[2]
Casou en 1938 con Josefa Mallo Zas, Pepucha, e tivo catro fillos: Margarita, Alberto, César e Miguel Ángel. Seu domicilio estaba en Antonio Lens, hoxe Orquestra Sinfónica de Galicia.
Formación
[editar | editar a fonte]Comezou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela aos 57 anos, tras enviuvar, rematando en catro anos (1975) e realizando posteriormente a tese de licenciatura e a tese de doutoramento, no 1981, sobre "Macromicetos da Selva Negra".
Impartiu clases de Botánica, e a súa aula estaba tan concorrida que moitos alumnos asistían de pé «porque non se cabía», recorda Marisa Castro Cerceda, a compañeira de Luís e tamén micóloga de prestixio.[3]
Codirixiu cinco teses de licenciatura sobre flora e micoloxía de Galicia mentres preparaba a súa de doutoramento, ás que hai que engadir outras oito posteriormente. Publicou máis de 40 artigos, 4 libros e dirixiu dúas teses de doutoramento de temática micolóxica.[2]
O seu labor micolóxico queda de relevo tendo en conta de que o catálogo de cogomelos de Galicia incluía seiscentas especies até a irrupción de Luís Freire; hoxe conta cunhas dúas mil, despois de que el mesmo elevase o seu número en varios centos, incluído o achado para a ciencia de tres novas especies:[3] Amanita porrinensis L. Freire & M . L. Castro ex M. L. Castro,[4] Gyroporus ammophilus M. L. Castro & L. Freire,[5] e Psathyrella ascarioides L. Freire & J. M. Losa.[6][7]
Foi membro fundador da Sociedade Galega de Historia Natural —que presidiu desde 1980 a 1986—, do Grupo Botánico Galego, do Grupo Micolóxico Galego e da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.[2][8]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Ten unha rúa dedicada co seu nome na Coruña, situada na urbanización Breogán. A petición foi feita pola súa familia e avalada sendo alcalde Javier Losada.
Desde 1999 os Museos Científicos Coruñeses, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, organizan o Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares. Este certame ten como obxectivo promover entre os estudantes galegos valores como a creatividade e a imaxinación científicas, a constancia ou o espírito crítico.[2]
Abreviatura
[editar | editar a fonte]A abreviatura L. Freire emprégase para recoñecelo como autoridade na descrición e taxonomía en botánica (en sentido amplo).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ La Voz de Galicia, 14-12-1997, p. 35.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Biografía Arquivado 15 de decembro de 2017 en Wayback Machine. en Museos Científicos Coruñeses.
- ↑ 3,0 3,1 "Luis Freire, los «boletus», la sabiduría". Alfonso Andrade en La Voz de Galicia, 29-10-2016.
- ↑ Castro 2000, p. 101.
- ↑ Castro 2000, p. 189.
- ↑ Psathyrella ascarioides L. Freire & J. M. Losa 1977 Arquivado 15 de decembro de 2017 en Wayback Machine., in Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural 75: 9.
- ↑ Psathyrella ascarioides en Mushroom Observer, Inc.
- ↑ Homenaje a Luís Freire, uno de los grandes micólogos de Galicia, en Hifas da Terra.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Castro, Marisa (2000): Guía dos cogomelos comúns de Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-83-02-542-6.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Asociación de Amigos da Casa das Ciencias Arquivado 29 de marzo de 2007 en Wayback Machine.
- Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares Arquivado 29 de maio de 2007 en Wayback Machine.