Hipocótilo
Na terminoloxía botánica, o hipocótilo é a parte do eixe caulinar do embrión ou da plántula dos antófitos que se encontra por debaixo da inserción dos cotiledóns.[1]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo hipocótilo é a adaptación do neoloxismo do latín científico hypocotylus, á súa vez tirado do neoloxismo grego ὑποκοτυλών hypokotylón, abreviatura de ὑποκοτυληδών, de ὑπό, hypo "por baixo de", e κοτυληδών kotylēdōn, "cotiledón".[1]
Formación e evolución
[editar | editar a fonte]Dicotiledóneas
[editar | editar a fonte]Nas plantas dicotiledóneas, cando se produce a embrioxénese, a medida que o embrión medra durante a xerminación, envía un gromo cara a abaixo, (a radícula), que se converterá na raíz primaria da planta ao penetrar no solo.
Tras a saída da radícula, o hipocótilo emerxe, cara a arriba, elevando o ápice da plántula (e normalmente tamén a envoltura da semente) sobre o nivel do solo, levando as follas embrionarias ou cotiledóns e a plúmula, que dará orixe ás primeiras follas verdadeiras.
O hipocótilo é o primeiro órgano de expansión da plántula, e desenvólvese até formar o caule da planta.
Monocotiledóneas
[editar | editar a fonte]O desenvolvemento temperán da plántula das plantas monocotiledóneas, como os cerais e outras gramíneas é algo diferente. Unha estrutura chamada coleóptilo, esencialmente unha parte do cotiledón, protexe o caule novo e a plúmula en crecermento empuxa cara a arriba a través do solo. Un mesocótilo —que é unha parte das plantas novas que se encontra entre a semente (que segue enterrada) e a plúmula— esténdese até a superficie do solo, onde se desenvolven raíces secundarias xusto debaixo da plúmula. Logo pode non desenvolverse máis a raíz principal. O mesocótilo considérase que é parcialmente hipocótilo e parcialmente cotiledón.
Non todas as monocotiledóneas se desenvolven como as gramíneas. A cebola, por exemplo, desenvólvese de maneira similar á primeira secuencia descrita anteriormente, a testa (cuberta) e o endospermo (órgano de reserva de alimentos), empuxa cara a arriba estendendo o cotiledón. Máis tarde, a primeira folla verdadeira crece desde o nó entre a radícula e o cotiledón rompendo o cotiledón que semella unha vaíña.
Órganos de reserva
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Órgano de reserva.
Nalgunhas plantas, o hipocótilo medra como un órgano de almacenamiento de alimentos (órgano de reserva). Exemplos son os casos do ciclame, as Gloxinia ssp e o apio.
No ciclame, este órgano de reserva é un tubérculo. Outros órganos de reserva son os bulbos, rizomas, raíces tuberosas etc.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Font Quer, P. (1993): Diccionario de Botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor S. A. ISBN 84-335-0078-3.