Edificio do Banco de España (Pontevedra)
Edificio do Banco de España en Pontevedra | |
---|---|
Fachada principal na rúa Michelena | |
Edificio | |
Estilo | Ecléctico |
Sistema estrutural | Piares, vigas, forxados e viguetas de formigón armado |
Enderezo | Rúa Michelena, 28 |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′53″N 8°38′45″O / 42.431361111111, -8.6458055555556 |
Propietario | Goberno de España |
Uso(s) | Edificio administrativo das oficinas provinciais da Administración periférica do Estado |
Construción | |
Inicio | 1900 |
Construción | 1903 |
Remate | 1903 |
Remodelación | 1949, 2010 |
Dimensións | |
Superficie | 2 859 m2 |
Plantas | 6 (planta baixa + 3 andares + ático + semisoto) |
Equipo | |
Arquitecto(s) | José Fermín de Astiz Bárcena (1900-1903) Romualdo de Madariaga y Céspedes (reforma de 1945-1949) |
[ editar datos en Wikidata ] |
O edificio do Banco de España é un edificio ecléctico de principios do século XX na cidade de Pontevedra.
Trátase da antiga sucursal da sede desta entidade na cidade, que pechou en 2004 e que actualmente alberga as oficinas provinciais da administración estatal periférica en Pontevedra.
Localización
[editar | editar a fonte]O edificio do Banco de España en Pontevedra está situado no número 28 da rúa Michelena, no centro de Pontevedra, na beira do casco antigo.
Historia
[editar | editar a fonte]O Banco de España contou no século XIX cunha sucursal na cidade de Pontevedra, situada desde 1886 na casa central ao lado oeste da praza do Teucro, no número 8. As obras do novo edificio do Banco de España na cidade comezaron o 1 de novembro de 1900 na rúa Michelena.[1][2]
A licenza foi solicitada para o seu uso como sucursal do Banco de España en 1901. O arquitecto que deseñou o edificio foi José Fermín de Astiz Bárcena, que se converteu no arquitecto do Banco de España en 1899 e que deseñou outras sucursais noutras capitais españolas como Logroño, Valencia, Badaxoz, Oviedo, A Coruña e Santander. O edificio do Banco de España en Pontevedra inaugurouse en 1903.[3]
Entre 1945 e 1949, o edificio sufriu unha importante reforma segundo o proxecto arquitectónico de Romualdo de Madariaga y Céspedes. De aí xurdiu a súa nova estrutura construída en formigón armado tanto en piares e vigas como en forxados de viguetas de formigón. O edificio incorporou varios engadidos de áticos e sobre áticos. As novas oficinas inauguráronse o 2 de abril de 1949.[4] Só se utilizou a planta baixa para as oficinas do banco, onde se atopaba o patio de operacións e o semisoto, coa cámara acoirazada. O resto das plantas utilizáronse como vivendas para o persoal do banco.
O Banco de España pechou a súa sede na cidade, como fixo en moitas outras capitais de provincia españolas, o 31 de decembro de 2004.[5]
En xuño de 2010, o Goberno español acometeu unha reforma integral do edificio, para instalar diferentes oficinas e servizos provinciais da Administración do Estado: estranxeiría (planta baixa), agricultura e pesca (primeira planta), costas (segunda e terceira planta) e telecomunicacións (ático).[6] Demoleuse o sobre ático e axardinouse a cuberta do mesmo.[7]
A estes servizos uniuse na parte traseira, con entrada polo patio, a oficina de expedición de carnés do Corpo Nacional de Policía do Ministerio do Interior o 16 de maio de 2016.[8] Neste edificio traballan máis de 100 empregados públicos.
Descrición
[editar | editar a fonte]O edificio ten unha superficie de 2859 metros cadrados, divididos en soto, planta baixa, tres pisos e ático. Tamén conta cun xardín con árbores e unha pérgola de cristal. O interior do edificio estrutúrase ao redor dun patio central cun lucernario de cristal que proporciona diafanidade e continuidade espacial en cada planta.[9]
É un exemplo da arquitectura administrativa do Estado español de principios do século XX, de estilo ecléctico. Ten a súa entrada principal pola rúa Michelena e un patio traseiro con entrada pola rúa Fernández Villaverde.
O edificio presenta unha gran simetría e solemnidade nas súas fachadas. A porta principal na rúa Michelena termina nun arco de medio punto cun balcón superior de pedra sobre ménsulas. No balcón ondean as bandeiras de España, Galicia e a Unión Europea. Os elementos de pedra que enmarcan e decoran as fiestras das fachadas teñen unha decoración xeométrica na parte superior, que termina en arcos rebaixados.[10]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Fachada principal do Banco de España
-
Fachadas
-
Detalle da fachada lateral
-
Entrada principal
-
Fachada traseira
-
Decoración ecléctica
-
Fachadas
-
Fachadas e andares superiores
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "1900: Nuevo edificio para el Banco de España en la ciudad". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de novembro de 2019.
- ↑ "La calle Fernández Villaverde, la cuesta a la que le está costando remontar". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de abril de 2023.
- ↑ Moreno Arana, José Manuel (Novembro de 2017). Universidad de Málaga, ed. "Boletín de Arte Nº37 2016". Boletín de Arte (en castelán) (Málaga) 16: 261. ISSN 0211-8483.
- ↑ "El Banco de España". Faro (en castelán). 3 de abril de 2011.
- ↑ "El Banco de España cierra hoy 10 sucursales, dos de ellas en Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de decembro de 2004.
- ↑ "La rehabilitación del Banco de España concluirá en junio del próximo año". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xuño de 2010.
- ↑ "El antiguo Banco de España agrupará a más de cien funcionarios del Estado". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de maio de 2009.
- ↑ "El DNI estrenará sede en el Banco de España a partir del 16 de mayo". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de maio de 2016.
- ↑ "El antiguo Banco de España agrupará a más de cien funcionarios del Estado". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de maio de 2009.
- ↑ Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Deputación de Pontevedra. p. 429. ISBN 978-8484573272.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Edificio do Banco de España |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental (en castelán). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. pp. 428–429. ISBN 978-84-8457-327-2.
- Moreno Arana, José Manuel (Novembro de 2017). Universidad de Málaga, ed. "Boletín de Arte Nº37 2016". Boletín de Arte (en castelán) (Málaga) 37: 261–266. ISSN 0211-8483.