Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España
Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España | |
---|---|
Tipo | organización cinematográfica e film academy |
Data de fundación | 8 de xaneiro de 1986 |
Presidente/a | Fernando Méndez-Leite (pt) (2022-) |
Sede | Madrid |
En | Madrid |
País | España |
Na rede | |
https://www.academiadecine.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España é a institución española que outorga de forma anual os premios do cine español: Premios Goya.
O xerme: a reunión en O'Pazo
[editar | editar a fonte]O 12 de novembro de 1985 reuniuse no restaurante O'Pazo de Madrid unha serie de pesos pesados do cine español. A reunión, convocada polo produtor Alfredo Matas, tiña como fin analizar a situación do cine español naquel momento.
Á reunión asistiron entre outros os directores Luis García Berlanga e Carlos Saura, os directores de produción Marisol Carnicero e Tedy Villalba, o actor José Sancristán e a actriz Charo López, os montadores Pablo González del Amo e José Luis Matesanz, o guionista Manuel Matji, o músico José Neto, o director de fotografía Carlos Suárez e o decorador Ramiro Gómez.
As conclusións ás que se chegaron, avaladas por oitenta e sete firmas de profesionais, darían lugar ó nacemento da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España (AACCE) mes e medio despois.
A Academia
[editar | editar a fonte]A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España creouse de forma oficial o 8 de xaneiro de 1986, como unha institución de dereito privado e con personalidade xurídica propia. O seu principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento do cine español, tanto dentro de España como a nivel internacional. O primeiro presidente da academia foi José María González Sinde.
- José María González Sinde (1986-1988)
- Fernando Trueba (1988)
- Antonio Giménez-Rico (1988-1992)
- Fernando Rey (1992-1994)
- Gerardo Herrero (1994)
- José Luis Borau (1994-1998)
- Aitana Sánchez-Gijón (1998-2000)
- Marisa Paredes (2000-2003)
- Mercedes Sampietro (2003-2006)
- Ángeles González Sinde (2006-2009)
- Eduardo Campoy (2009, en funcións)
- Álex de la Iglesia (2009-2011)
- Enrique González Macho (2011-2015)
- Antonio Resines (2015-2016)
- Yvonne Blake (2016-2018)
- Mariano Barroso (2018-2022)
- Fernando Méndez-Leite (2022-)
Obxectivos
[editar | editar a fonte]Os obxectivos da Academia, tal e como aparecen na súa páxina web, son:
- Fomentar o progreso das artes e das ciencias relacionadas directa ou indirectamente coa cinematografía.
- Promover a asistencia e o intercambio de información científica, artística e técnica entre todos os seus membros.
- Realizar estudos e traballos sobre cuestións relacionadas coa cinematografía e artes afíns.
- Facilitar á Administración Pública os informes que sobre materias relacionadas coa cinematografía que lle sexan solicitados, así como propor á mesma as iniciativas que a Academia estime oportunas.
- Editar e difundir os estudos científicos, artísticos e técnicos que a Xunta Directiva estime convenientes.
- Establecer intercambios científicos, artísticos e culturais con entidades similares estranxeiras.
- Procurar o desenvolvemento e perfeccionamento das distintas especialidades relacionadas coa cinematografía, fomentar o intercambio de experiencias entre os seus membros, coordinar os diferentes aspectos da súa actuación e analizar e resolver problemas comúns.
- Ademais, a Academia concederá premios anuais ós mellores traballos sobre temas de investigación científica e bolsas ou pensións para a ampliación de estudos relacionados coa cinematografía en España ou no estranxeiro.
- Calquera outra actividade tendente a elevar o nivel artístico, técnico ou científico dos seus membros e estimular a conciencia dos cidadáns, dando ás artes cinematográficas o nivel artístico que merecen, e a construtiva colaboración entre a Administración Pública e as persoas relacionadas coas artes cinematográficas.
Membros da Academia
[editar | editar a fonte]Para ser Membro da Academia requírese: ser español e exercer calquera das actividades profesionais cinematográficas.
Tamén calquera estranxeiro estreitamente vinculado coa cinematografía española pode ser membro, a condición de que a Xunta Directiva o considere merecedor de devandita prerrogativa.
Casos Polémicos
[editar | editar a fonte]- En 1999 vertéronse acusacións de compra de votos para a película El abuelo de José Luis Garci.
- En 2004, Pedro Almodóvar e o seu irmán abandonaron a Academia, alegando o seu desacordo co sistema de votacións dos Goya. Na última edición dos premios, estes foran no seu maior parte a Alejandro Amenábar, deixando sen ningún a La mala educación.
- Nos últimos anos do goberno Aznar, os membros da Academia tomaron partido en temas políticos como o Non á guerra de Iraq ou o caso Prestige, sendo unha das súas principais cabezas visibles a actriz Pilar Bardem. Estes feitos crearon malestar entre algúns membros da Academia, o que levou a Luis García Berlanga, un dos seus fundadores e presidente de honra, a afirmar sobre a propia Academia[1]:
Cada vez está dexenerando máis. Penso que non debería ser tan reivindicativa, funciona coma se fose un sindicato, cando o importante é que entre xente nova e con ganas.Luís García Berlanga.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Academia de Cine Web oficial.
- ↑ "Berlanga: 'No me parece que los Goya se conviertan en un mitin contra la guerra'". El Mundo (en castelán). 06 de febreiro de 2003.