Portal:Reino Unido/Biografía destacada/3
Kathleen Mary Ferrier, CBE, nada en Blackburn (Inglaterra) o 22 de abril de 1912 e finada en Londres o 8 de outubro de 1953, foi unha contralto británica. Acadou reputación internacional como cantante escénica, de concerto, así como polas súas gravacións, cun repertorio que se estendía dende a canción tradicional e as baladas populares ata as obras clásicas de Bach, Brahms, Mahler e Elgar. A súa morte por cancro, no momento álxido da súa carreira, causou un forte impacto no mundo musical e especialmente no público, que non coñeceu a natureza da súa enfermidade ata despois da súa morte. Foi especialmente coñecida no Reino Unido pola súa gravación da canción tradicional de Northumbria Blow the Wind Southerly, que foi emitida frecuentemente na BBC Radio durante moitos anos despois da súa morte.
Filla dun mestre de escola dunha pequena vila de Lancashire, Ferrier amosou axiña talento como pianista e gañou numerosos concursos de piano a nivel afeccionado mentres traballaba como telefonista na General Post Office. Non comezou a adicarse en serio á canción ata 1937, cando despois de gañar un concurso de canto no Festival de Carlisle comezou a recibir ofertas para cantar profesionalmente. En 1942 a súa carreira colleu pulo logo de coñecer ao director Malcolm Sargent, quen a recomendou á influínte axencia de representación Ibbs and Tillett. Converteuse nunha intérprete habitual nas principais salas de Londres e das provincias, e realizou numerosas emisións radiofónicas coa BBC. Deuse a coñecer internacionalmente polas súas tres xiras polos Estados Unidos de América entre 1948 e 1950 e polas súas numerosas visitas á Europa continental.