Kathleen Ferrier
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de abril de 1912 Higher Walton, Reino Unido (en) |
Morte | 8 de outubro de 1953 (41 anos) Londres, Reino Unido |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Golders Green Crematorium (en) |
Actividade | |
Ocupación | cantante de ópera, artista discográfico |
Período de actividade | 1940 - |
Xénero artístico | Música clásica |
Tesitura | Contralto e deep contralto (en) |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Decca Records |
Premios | |
Descrito pola fonte | Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, A historical dictionary of British women (en) , (p.165) |
Kathleen Mary Ferrier, CBE, nada en Blackburn (Inglaterra) o 22 de abril de 1912 e finada en Londres o 8 de outubro de 1953, foi unha contralto británica. Acadou reputación internacional como cantante escénica, de concerto, así como polas súas gravacións, cun repertorio que se estendía dende a canción tradicional e as baladas populares ata as obras clásicas de Bach, Brahms, Mahler e Elgar. A súa morte por cancro, no momento álxido da súa carreira, causou un forte impacto no mundo musical e especialmente no público, que non coñeceu a natureza da súa enfermidade ata despois da súa morte. Foi especialmente coñecida no Reino Unido pola súa gravación da canción tradicional de Northumbria Blow the Wind Southerly, que foi emitida frecuentemente na BBC Radio durante moitos anos despois da súa morte.
Filla dun mestre de escola dunha pequena vila de Lancashire, Ferrier amosou axiña talento como pianista e gañou numerosos concursos de piano a nivel afeccionado mentres traballaba como telefonista na General Post Office. Non comezou a adicarse en serio á canción ata 1937, cando despois de gañar un concurso de canto no Festival de Carlisle comezou a recibir ofertas para cantar profesionalmente. Despois diso tomou clases de canto, primeiro con J. E. Hutchinson e posteriormente co barítono Roy Henderson. Despois do inicio da segunda guerra mundial, Ferrier foi recrutada polo Consello para o Fomento da Música e as Artes (coñecido polas súas siglas en inglés CEMA), e nos anos seguintes cantou en concertos e recitais por toda Inglaterra. En 1942 a súa carreira colleu pulo logo de coñecer ao director Malcolm Sargent, quen a recomendou á influente axencia de representación Ibbs and Tillett. Converteuse nunha intérprete habitual nas principais salas de Londres e das provincias, e realizou numerosas emisións radiofónicas coa BBC.
En 1946, Ferrier debutou en escena, estreando a ópera de Benjamin Britten The Rape of Lucretia no Glyndebourne Festival. Un ano despois interpretou por primeira vez o papel de Orfeo na ópera de Gluck Orfeo ed Euridice, unha obra coa que chegou a estar especialmente relacionada. Pola súa propia elección, estes foron os seus únicos dous papeis operísticos. A medida que a súa reputación ía medrando, Ferrier estableceu estreitas relacións de traballo con grandes figuras da música do seu tempo como Britten, Sir John Barbirolli, Bruno Walter e o pianista acompañante Gerald Moore. Deuse a coñecer internacionalmente polas súas tres xiras polos Estados Unidos de América entre 1948 e 1950 e polas súas numerosas visitas á Europa continental.
Ferrier foi diagnosticada de cancro de mama en marzo de 1951. Entre os períodos de hospitalización e convalecencia continuou a interpretar e a gravar; a súa última aparición pública foi como Orfeo na Royal Opera House en febreiro de 1953, oito meses antes da súa morte. Entre as numerosas homenaxes recibidas logo da súa morte, o Kathleen Ferrier Cancer Research Fund foi fundado en maio de 1954; a Kathleen Ferrier Scholarship Fund, administrada pola Royal Philharmonic Society, entrega anualmente dende 1956 premios a novos aspirantes a cantantes profesionais.
Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]A familia Ferrier procedía orixinalmente de Pembrokeshire, en South West Wales. A rama de Lancashire orixinouse no século XIX, cando Thomas Ferrier (o fillo máis novo do soldado Thomas Ferrier, do Rexemento Pembrokeshire) se estableceu na zona logo de ser destinado cerca de Blackburn durante un período de disturbios industriais.[1] Kathleen Ferrier naceu o 22 de abril de 1912, na vila de Higher Walton (Lancashire) onde o seu pai William Ferrier (o cuarto fillo de Thomas e Elizabeth, de solteira Gorton) era o director da escola da vila. Aínda que sen formación musical, William era un entusiasta membro da sociedade operística local e de varios coros, e a súa muller Alice (de solteira Murray), coa que casou en 1900, era unha cantante competente cunha profunda voz de contralto.[2] Kathleen foi a terceira e máis nova dos fillos da parella, seguindo a unha irmá e a un irmán; cando ela tiña tan só dous anos a familia trasladouse a Blackburn, logo de que William fora nomeado director da St Paul's School da cidade. Dende moi nova Kathleen amosouse prometedora como pianista, e tomou leccións con Frances Walker, unha notable profesora de piano do norte de Inglaterra que fora alumna de Tobias Matthay. O talento de Kathleen desenvolveuse rapidamente; en 1924 finalizou no cuarto posto de entre 43 participantes no concurso de piano do Festival de Lytham St Annes Festival, e ao ano seguinte en Lytham conseguiu a segunda posición.[3]
Telefonista e pianista
[editar | editar a fonte]Debido á inminente xubilación de William e á consecuente caída dos ingresos da familia, as esperanzas de Ferrier de asistir a unha escola de música non se realizaron. En agosto de 1926 deixou a escola para comezar a traballar como aprendiz na central telefónica GPO de Blackburn.[4] Continuou os seus estudos de piano con Frances Walker, e en novembro de 1928 foi a gañadora rexional dun concurso nacional para novos pianistas organizado polo Daily Express. Aínda que non tivo éxito nas finais que se realizaron en Londres, Ferrier gañou un piano vertical Cramer.[5] O 10 de marzo de 1929 foi ben recibida a súa actuación como acompañante nun concerto no King George's Hall de Blackburn.[6] Logo de varios éxitos en concursos de piano foi invitada a tocar un pequeno recital de radio nos estudios da BBC en Manchester, e o 3 de xullo de 1930 realizou a súa primeira emisión, tocando obras de Brahms e Percy Grainger.[7] Arredor desta época rematou o seu período de formación na central telefónica, e converteuse en telefonista de pleno dereito.[8]
En 1931, aos 19 anos, Ferrier aprobou os seus exames de Licenciatura na Royal Academy of Music. Ese ano comezou a tomar leccións ocasionais de canto, e en decembro cantou un pequeno papel de mezzosoprano nunha interpretación nunha igrexa do oratorio de Mendelssohn Elijah. Con todo, a súa voz non foi vista como excepcional; a súa vida musical centrouse no piano e en concertos locais, no King George's Hall e outras salas.[7] A principios de 1934 foi transferida á central telefónica de Blackpool e aloxouse preto dela, para estar próxima ao seu novo noivo, un empregado de banca chamado Albert Wilson.[9] Entrementres, en Blackpool fixo unha proba para o novo servizo de "reloxo falante" que a GPO estaba preparando para introducir. Emocionada, Ferrier engadiu unha aspiración extra na súa audición, e non foi escollida para a selección final en Londres.[10][11] A súa decisión en 1935 de casar con Wilson significou o final do seu emprego na central telefónica, xa que nesa época a GPO non contrataba mulleres casadas.[12] Sobre a carreira de Ferrier neste punto, o biógrafo musical Humphrey Burton escribiu:[13]
“ | Durante máis dunha década, cando ela debería ter estado estudando música cos mellores mestres, aprendendo literatura inglesa e linguas estranxeiras, adquirindo arte e habilidades de escena, e viaxando a Londres regularmente para ver ópera, a señorita Ferrier estaba en realidade contestando o teléfono, casando cun director de banco e gañando concursos de pouca importancia para pianistas. | ” |
Matrimonio
[editar | editar a fonte]Ferrier coñeceu a Albert Wilson en 1933, probablemente grazas ao baile, que ambos amaban. Cando anunciou que ían casar, a súa familia e amigos tiñan grandes reservas, xa que ela era nova e sen experiencia, e porque ela e Wilson non compartían moitos intereses.[8] Aínda así, a voda tivo lugar o 19 de novembro de 1935. Pouco despois a parella trasladouse a Silloth, unha pequena cidade en Cumberland, onde Wilson fora nomeado director da sucursal do seu banco. O matrimonio non tivo moito éxito; a lúa de mel revelou problemas de incompatibilidade física.[14] No exterior a parella mantivo as aparencias durante algúns anos, ata que a marcha de Wilson ao servizo militar en 1940 puxo fin efectivo ao matrimonio. A parella divorciouse en 1947, aínda que permaneceron en bos termos. Posteriormente Wilson casou cunha amiga de Ferrier, Wyn Hetherington; morreu en 1969.[15]
Inicios da súa carreira como cantante
[editar | editar a fonte]En 1937 Ferrier participou no concurso aberto de piano do Festival de Carlisle e, como resultado dunha pequena aposta co seu marido, tamén se inscribiu no concurso de canto. Gañou de xeito sinxelo o concurso de piano; nas finais do concurso de canto cantou To Daisies de Roger Quilter, unha interpretación que supuxo para ela o máximo galardón vocal do festival. Con motivo do seu dobre triunfo nos concursos de piano e voz, Ferrier foi premiada cun trofeo de rosa especial como campioa do festival.[16]
Logo das súas vitorias en Carlisle, Ferrier comezou a recibir ofertas por compromisos vocais. A súa primeira aparición como vocalista profesional, en outono de 1937, foi na festa da colleita na igrexa da vila de Aspatria.[17] Pola súa actuación recibiu unha guinea.[nota 1] Logo de gañar a copa de ouro no Festival de Workington en 1938, Ferrier cantou Ma Curly-Headed Babby[19] nun concerto na Workington Opera House. Cecil McGivern, produtor do programa de variedades da radio BBC Northern, estaba entre o público e quedou o suficientemente impresionado como para reservar con ela a seguinte edición do seu programa, que foi emitido en Newcastle o 23 de febreiro de 1939. Esta gravación —a súa primeira como vocalista— atraeu moita atención, e levouna a máis traballos na radio, aínda que para Ferrier o evento se viu ensombrecido pola morte da súa nai a principios de febreiro.[20][21] No Festival de Carlisle de 1939, Ferrier cantou a canción de Richard Strauss All Soul's Day, unha interpretación que impresionou especialmente a un dos membros do xurado, J. E. Hutchinson, un profesor de música cunha considerable reputación. Ferrier converteuse en alumna súa e, baixo a súa tutela, comezou a ampliar o seu repertorio para incluír obras de Bach, Händel, Brahms e Elgar.[21][22]
Cando Albert Wilson se uniu ao exército en 1940, Ferrier volveu ao seu apelido de solteira, tendo cantado ata ese momento como 'Kathleen Wilson'. En decembro de 1940 cantou por primeira vez como profesional baixo o nome 'Kathleen Ferrier' nunha interpretación do Messiah, baixo a dirección de Hutchinson.[23] A principios de 1941 tivo éxito nas audicións para cantante do Council for the Encouragement of the Arts (CEMA), que lle proporcionou concertos e outros entretementos nos campamentos militares, fábricas e outros lugares de traballo. Dentro desta organización Ferrier comezou a traballar con artistas de reputación internacional; en decembro de 1941 cantou coa Hallé Orchestra nunha interpretación do Messiah xunto con Isobel Baillie, a distinguida soprano.[24] Con todo, a súa solicitude para directora de música da BBC en Manchester foi rexeitada.[23][25] Ferrier tivo mellor sorte cando foi presentada a Malcolm Sargent despois dun concerto de Hallé en Blackpool. Sargent accedeu a escoitala, e despois recomendouna a Ibbs and Tillett, a axencia de xestión de concertos con sede en Londres.[26] John Tillett aceptouna como cliente sen dubidar e despois diso, por consello de Sargent, Ferrier decidiu establecerse en Londres. O 24 de decembro de 1942 trasladouse coa súa irmá Winifred a un apartamento en Frognal Mansions, Hampstead.[27][28][29]
Estrelato
[editar | editar a fonte]Reputación crecente
[editar | editar a fonte]Ferrier ofreceu o seu primeiro recital en Londres o 28 de decembro de 1942 na National Gallery, nun concerto da hora de xantar organizado por Dame Myra Hess.[30] A pesar de que no seu diario escribiu "foi moi ben",[31] Ferrier estaba decepcionada coa actuación, e chegou á conclusión de que necesitaba aínda máis formación vocal. Achegouse ao distinguido barítono Roy Henderson co que, a semana anterior, cantara o oratorio de Mendelssohn Elijah.[30] Henderson accedeu a ensinarlle, e foi o seu mestre regular polo resto da súa vida. Posteriormente explicou que o seu "ton cálido e extenso" debíase en parte ao tamaño da cavidade da parte posterior da súa gorxa: "un podería ter disparado unha mazá de bo tamaño directamente á parte posterior da súa gorxa sen obstrución".[32] Con todo, esta vantaxe física natural non foi en si suficiente para a calidade da súa voz; isto debeuse, di Henderson, a "o seu duro traballo, arte, sinceridade, personalidade e sobre todo o seu carácter".[33]
O 17 de maio de 1943 Ferrier cantou o Messiah de Händel na Abadía de Westminster, xunto a Isobel Baillie e Peter Pears, con Reginald Jacques dirixindo.[34][35] De acordo co crítico Neville Cardus, foi debido á calidade do seu canto aquí que Ferrier "fixo a súa primeira chamada seria aos músicos".[36] A súa seguridade na actuación levouna a outros compromisos importantes, e a traballos de radiodifusión; as súas aparicións cada vez máis frecuentes en programas populares como Forces Favourites e Housewives' Choice déronlle axiña recoñecemento nacional.[37] En maio de 1944, nos estudios de EMI en Abbey Road con Gerald Moore como acompañante, realizou probas de gravación de música de Brahms, Gluck e Elgar.[nota 2] A súa primeira gravación publicada, realizada en setembro de 1944, foi editada polo selo Columbia; consiste en dúas cancións de Maurice Greene, de novo con Moore como acompañante.[39] O seu período como artista de gravación co selo Columbia foi breve e infeliz; tivo mala relación co seu produtor, Walter Legge, e despois duns poucos meses marchou a Decca.[40]
Nos restantes meses do tempo de guerra Ferrier continuou a viaxar por todo o país para cumprir coa crecente demanda dos seus servizos por parte dos promotores de concertos. En novembro de 1944 cantou en Leeds a parte de Angel na obra coral de Elgar The Dream of Gerontius, a primeira interpretación no que se convertería nun dos seus papeis máis coñecidos.[41] En decembro coñeceu a John Barbirolli mentres traballaba noutra obra de Elgar, Sea Pictures; o director posteriormente converteuse nun dos seus amigos máis próximos e nun dos seus máis firmes defensores.[42] O 15 de setembro de 1945 Ferrier debutou nos Proms de Londres, onde cantou L'Air des Adieux da ópera de Tchaikovsky Orleanskaja deva.[43][44] A pesar de que frecuentemente cantaba arias individuais, a ópera non era o forte natural de Ferrier; non desfrutara cantando o papel principal nunha versión de concerto da ópera Carmen de Bizet en Stourbridge en marzo de 1944, e xeralmente evitaba compromisos similares.[45][46] Namentres, Benjamin Britten, que a escoitara na súa interpretación do Messiah na Abadía de Westminster, convenceuna para cantar o papel de Lucretia na súa nova ópera The Rape of Lucretia, que ía abrir a primeira edición de posguerra do Glyndebourne Festival en 1946. Ela compartiría a parte con Nancy Evans.[47] A pesar dos seus receos iniciais, a principios de xullo Ferrier escribía ao seu axente que estaba "desfrutando [os ensaios] enormemente e debería pensar que é a mellor parte que posiblemente un poida ter".[48]
As interpretacións de Ferrier en Glyndebourne, que comezaron o 12 de xullo de 1946, conseguiron opinións favorables, aínda que a ópera en si non foi ben recibida.[49] Na xira provincial que seguiu ao festival non conseguiu atraer o público e como consecuencia sufriu grandes perdas económicas.[50] En contraste, cando a ópera chegou a Ámsterdan foi recibida calorosamente polo público neerlandés, que amosou especial entusiasmo pola interpretación de Ferrier.[51] Esta foi a primeira viaxe de Ferrier ao estranxeiro, e escribiu nunha emocionada carta á súa familia: "As casas e as ventás máis limpas que nunca poderiades ver, e flores nos campos de todo o camiño!"[52] Logo do seu éxito encarnando a Lucretia accedeu a regresar a Glyndebourne en 1947, para cantar o papel de Orfeo na ópera de Gluck Orfeo ed Euridice. Ela cantara frecuentemente a aria de Orfeo Che farò ("Que é a vida") como peza de concerto, e a tiña gravado recentemente con Decca. En Glyndebourne, as limitadas habilidades de Ferrier para a escena provocaron algunhas dificultades na súa relación co director, Fritz Stiedry; aínda así a súa interpretación na primeira noite, o 19 de xuño de 1947, atraeu eloxios da crítica.[53]
A relación de Ferrier con Glyndebourne deu máis froitos cando Rudolf Bing, o xerente xeral do festival, a recomendou a Bruno Walter como contralto solista nunha interpretación do ciclo de cancións sinfónicas de Mahler Das Lied von der Erde. Esta fora prevista para a edición do ano 1947 do Edinburgh International Festival. Walter era inicialmente cauteloso por traballar cunha cantante relativamente nova, mais logo da súa audición os seus temores disipáronse; "decateime con pracer de que aquí estaba cunha das mellores cantantes potenciais da nosa época", escribiu posteriormente.[54] Das Lied von der Erde era daquela unha obra moi descoñecida no Reino Unido, e algúns críticos encontrárona pouco atractiva; aínda así, o Edinburgh Evening News considerouna "simplemente excelente".[55] Nun bosquexo biográfico posterior sobre Ferrier, Lord Harewood describiu a asociación entre ela e Walter, que durou ata a enfermidade final da cantante, como "un raro encontro de música, voz, e temperamento."[56]
Cumio da súa carreira, 1948–51
[editar | editar a fonte]O 1 de xaneiro de 1948 Ferrier marchou a unha xira de catro semanas por América do Norte, a primeira das tres viaxes transatlánticas que realizaría nos tres anos seguintes. En Nova York cantou dúas interpretacións de Das Lied von der Erde, con Bruno Walter e a New York Philharmonic. Alma Mahler, a viúva do compositor, estaba presente na primeira delas, o 15 de xaneiro.[nota 3] Nunha carta escrita ao día seguinte, Ferrier dicíalle á súa irmá: "Algúns dos críticos son entusiastas, outros non se impresionaron".[59] Logo da segunda interpretación, que foi retransmitida de costa a costa, Ferrier ofreceu recitais en Otava e Chicago antes de regresar a Nova York para embarcar rumbo a casa o 4 de febreiro.[60]
Durante 1948, en medio de moitos compromisos, Ferrier interpretou a Alt-Rhapsodie de Brahms nos Proms en agosto, e cantou na Misa en Si menor de Bach no Festival de Edimburgo. O 13 de outubro uniuse a Barbirolli e á Hallé Orchestra nunha retransmisión da interpretación do ciclo de cancións de Mahler Kindertotenlieder. Regresou aos Países Baixos en xaneiro de 1949 para unha serie de recitais, e logo deixou Southampton o 18 de febreiro para realizar a súa segunda xira Americana.[61] Abriu esta xira en Nova York coa interpretación dunha versión de concerto de Orfeo ed Euridice que gañou eloxios uniformes por parte dos críticos.[62] Na xira que lle seguiu, o seu acompañante foi Arpád Sándor (1896–1972), que padecía un trastorno depresivo que afectou gravemente ao seu xeito de tocar. Sen darse conta do problema, nas cartas que enviou á súa casa Ferrier reprendeuno cun "este abominable acompañante" que merecía "unha patada no traseiro".[63] Cando soubo que estivera enfermo durante meses, tornou a súa furia contra os promotores da xira: "Que cara deixarme con ese".[64] Finalmente, cando Sándor estaba moi enfermo para tocar, Ferrier puido recrutar un pianista canadense, John Newmark, co que tivo unha relación laboral sincera e duradeira.[65]
Pouco despois do seu regreso a Inglaterra a principios de xuño de 1949, Ferrier marchou a Ámsterdan onde, o 14 de xullo, cantou a estrea mundial da Spring Symphony de Britten, con Eduard van Beinum e a Koninklijk Concertgebouworkest.[66] Britten escribira esta obra especificamente para ela.[67] En setembro, no Edinburgh International Festival, ofreceu dous recitais nos que Bruno Walter exerceu como o seu pianista acompañante. Ferrier sentiu que eses recitais representaron "un pico ao que se estivera aproximando durante os últimos tres anos".[68] A gravación da retransmisión dun dos recitais foi publicada moitos anos despois; sobre isto, o crítico Alan Blyth escribiu: "o apoio moi persoal e positivo de Walter obviamente empurrou a Ferrier a dar o mellor dela".[69]
Os 18 meses seguintes viron unha actividade case ininterrompida, que abarcou numerosas visitas á Europa continental e unha terceira xira americana entre decembro de 1949 e abril de 1950. Esta viaxe americana abriu un novo camiño para Ferrier —a Costa Oeste— e incluíu tres interpretacións de Orfeo ed Euridice en San Francisco, baixo a dirección de Pierre Monteux. Nos ensaios Ferrier coñeceu a contralto estadounidense Marian Anderson, que diría da súa homóloga inglesa: "Meu Deus, que voz—e que cara!"[70] Ao regreso á casa de Ferrier o ritmo frenético continuou, cunha rápida sucesión de concertos en Ámsterdam, Londres e Edimburgo, seguidos por unha xira por Austria, Suíza e Italia.[71] En Viena, a soprano Elisabeth Schwarzkopf foi a co-solista de Ferrier nunha interpretación gravada da Misa en Si menor de Bach, coa Wiener Symphoniker baixo a dirección de Herbert von Karajan. Schwarzkopf despois lembrou do canto de Ferrier no Agnus Dei da Misa como o seu momento máis importante do ano.[72]
A principios de 1951, durante unha xira en Roma, Ferrier soubo da morte de seu pai aos 83 anos.[73] Aínda que estaba trastornada pola noticia, decidiu continuar coa xira; a entrada do día 30 de xaneiro no seu diario di: "Meu pai morreu en paz logo da gripe e un derramamento cerebral".[74] Regresou a Londres o 19 de febreiro, e inmediatamente estivo ocupada cos ensaios con Barbirolli e Hallé dunha obra que era nova para ela: o Poème de l'amour et de la mer de Ernest Chausson. Esta foi interpretada en Manchester o 28 de febreiro, sendo aclamada pola crítica.[75] Dúas semanas despois Ferrier descubriu un vulto no seu peito. Aínda así cumpriu con varios compromisos en Alemaña, os Países Baixos e en Glyndebourne antes de ver o seu médico o 24 de marzo. Logo de varias probas no University College Hospital, diagnosticáronlle cancro de mama, e o 10 de abril realizáronlle unha mastectomía.[76][77] Todos os compromisos inmediatos foron cancelados; entre eles estaba planeada unha serie de representacións de The Rape of Lucretia polo English Opera Group, previstas como parte do Festival of Britain de 1951.[78]
Final da súa carreira
[editar | editar a fonte]Delicado estado de saúde
[editar | editar a fonte]Ferrier retomou a súa carreira o 19 de xuño de 1951, coa súa participación na interpretación da Misa en Si menor no Royal Albert Hall. Logo realizou a súa habitual visita ao Holland Festival, onde realizou catro representacións de Orfeo, e cantou na Segunda Sinfonía de Mahler con Otto Klemperer e a Koninklijk Concertgebouworkest.[79] Durante o verán a súa axenda de concertos mesturouse coas visitas ao hospital; con todo, aínda se encontraba o suficientemente ben para cantar no Edinburgh International Festival en setembro, onde ofreceu dous recitais con Walter e cantou Poème de Chausson con Barbirolli e Hallé.[80] En novembro cantou Land of Hope and Glory na re-apertura do Free Trade Hall de Manchester, o clímax da noite na que, escribiu Barbirolli, "moveu a todo o mundo, non menos ao director, ás bágoas".[81] Despois disto, Ferrier descansou dous meses mentres se sometía a radioterapia; o seu único compromiso de traballo durante o mes de decembro foi unha sesión de gravación de cancións populares nos estudios de Decca que durou tres días.[82]
En xaneiro de 1952 Ferrier uniuse a Britten e Pears nunha pequena serie de concertos para recadar fondos para o English Opera Group de Britten. Escribindo posteriormente, Britten lembrou esta xira como "quizais a máis fermosa de todas" as da súa asociación artística con Ferrier.[83] A pesar dos seus continuos problemas de saúde, cantou Matthäus-Passion no Royal Albert Hall o 30 de marzo, Messiah no Free Trade Hall o 13 de abril, e Das Lied von der Erde con Barbirolli e Hallé o 23 e 24 de abril.[84] O 30 de abril Ferrier asistiu a unha festa privada na que a nova raíña, Isabel II, e a súa irmá, a Princesa Margarida, estaban presentes.[nota 4] No seu diario, Ferrier sinala: "A Princesa M cantou—moi ben!".[84] A súa saúde continuou a deteriorarse; ela negouse a considerar unha serie de inxeccións de andróxenos, na crenza de que este tratamento podía destruír a calidade da súa voz.[86] En maio viaxou a Viena a gravar Das Lied e Rückert-Lieder de Mahler con Walter e a Wiener Philharmoniker; cantante e director buscaran durante moito tempo preservar a súa colaboración no disco. A pesar do considerable sufrimento, Ferrier completou as sesións de gravación entre o 15 e o 20 de maio.[87][88]
Durante o resto do ano 1952 Ferrier asistiu ao seu sétimo Edinburgh International Festival consecutivo, cantando en interpretacións de Das Lied, The Dream of Gerontius, Messiah e algunhas cancións de Brahms.[89] Ferrier acometeu varias sesións de gravación de estudio, incluíndo unha serie de arias de Bach e Händel con Sir Adrian Boult e a London Philharmonic Orchestra en outubro.[90] En novembro, logo dun recital no Royal Festival Hall, estaba angustiada por un comentario no que Neville Cardus criticaba a súa interpretación por introducir "apelacións vocais adicionais que provocan distracción" deseñadas para agradar á audiencia a expensas das cancións.[91] Con todo, ela aceptou os seus comentarios de bo grao, sinalando que "... é difícil agradar a todo o mundo —durante anos fun criticada por ser unha cantante sen cor, monótona".[92] En decembro cantou no Messiah de Nadal da BBC, a derradeira vez que interpretaría esta obra. No día de Aninovo de 1953 foi nomeada Commander of the Order of the British Empire (CBE) no New Year Honours List da Raíña.[93]
Últimas actuacións, enfermidade e morte
[editar | editar a fonte]A principios de 1953, Ferrier estaba a ensaiar Orpheus, unha versión en lingua inglesa de Orfeo ed Euridice que se ía poñer en escena catro veces na Royal Opera House en febreiro. Barbirolli instigara este proxecto, coa aprobación entusiasta de Ferrier, algúns meses antes.[94] O seu outro único compromiso en xaneiro era unha gravación dun recital da BBC, no que cantou obras de tres compositores ingleses vivos na época: Howard Ferguson, William Wordsworth e Edmund Rubbra.[95] Durante o seu tratamento regular no hospital discutiu cos médicos sobre a conveniencia dunha ooforectomía (extirpación dos ovarios), mais ao coñecer que o impacto sobre o seu cancro probablemente sería insignificante e a súa voz podía verse gravemente afectada, deciciu non someterse á operación.[96][97]
A primeira representación de Orpheus, o 3 de febreiro, foi recibida coa aprobación unánime dos críticos. Segundo Barbirolli, Ferrier estaba especialmente satisfeita co comentario dun dos críticos que dixo que os seus movementos en escena eran tan elegantes coma os de calquera bailarín.[98] Con todo, ela estaba fisicamente debilitada do seu prolongado tratamento con radiación; durante a segunda representación, tres días despois, o seu fémur esquerdo desintegrouse parcialmente. A rápida actuación dun dos membros do elenco, que acudiu na súa axuda, mantivo ao público na ignorancia. Aínda que practicamente inmobilizada, Ferrier cantou as súas restantes arias e atendeu as súas chamadas a escena antes de ser trasladada ao hospital.[99] Esta resultou ser a súa última aparición en público; as dúas representación restantes, inicialmente programadas para abril, foron finalmente canceladas.[100] O público en xeral ignoraba aínda a natureza da incapacidade de Ferrier; The Guardian anunciou:[101]
“ | A señorita Ferrier sofre dun brote de artrite que require máis tratamento inmediato. Esta foi causada polo estrés físico que envolveu os ensaios e representacións do seu papel en Orpheus | ” |
Ferrier pasou dous meses no University College Hospital. Como resultado, perdeuse a súa investidura como Commander of the Order of the British Empire (CBE); un amigo levaríalle o galón ao hospital.[102] Mentres tanto, a súa irmá encontroulle un apartamento de planta baixa en St John's Wood, xa que ela era incapaz de subir as numerosas escaleiras de Frognal Mansions.[103] Trasladouse á súa nova casa a principios de abril, mais logo de tan só sete semanas foi forzada a regresar ao hospital onde, a causa de dúas operacións máis, o seu estado seguiu a empeorar.[104] A principios de xuño oíu que fora galardoada coa Medalla de Ouro da Royal Philharmonic Society, sendo a primeira vocalista feminina en recibir este galardón dende que Muriel Foster o gañara en 1914.[105] Nunha carta ao secretario da Royal Philharmonic Society escribiu sobre esta "incrible, marabillosa nova [que] me fixo máis que outra cousa sentir moito mellor".[106] Esta carta, datada o 9 de xuño, é posiblemente a última asinada directamente pola propia Ferrier. [nota 5]
Kathleen Ferrier morreu no University College Hospital o 8 de outubro de 1953 aos 41 anos; a data na cal, mentres non perdera a esperanza de recuperarse, se comprometera a cantar A Mass of Life de Frederick Delius no Leeds Festival de 1953.[109] Foi incinerada poucos días despois no Golders Green Crematorium, despois dun servizo privado curto.[110] Deixou un patrimonio de £15 134, que o seu biógrafo Maurice Leonard considera que "non era unha fortuna para unha cantante de fama mundial, mesmo para os estándares da época".[111][nota 6]
Legado
[editar | editar a fonte]A noticia da morte de Ferrier foi un impacto considerable para o público. Aínda que nos círculos musicais había quen sabía ou sospeitaba a verdade, mantíñase a idea de que a súa ausencia da escena concertística era temporal.[110][nota 7] O crítico de ópera Rupert Christiansen, escribindo cando se aproximaba o 50º aniversario da morte de Ferrier, sostivo que "ningún cantante neste país foi nunca tan profundamente amado, para moita xente era como a voz que emitía". A súa morte, continuou, "literalmente rompeu a euforia da Coroación" (que tivera lugar o 2 de xuño de 1953).[37] Ian Jack, editor de Granta, considerou que ela "puido moi ben ser a muller máis célebre no Reino Unido logo da Raíña."[114] Entre os moitos tributos dos seus colegas, o de Bruno Walter foi destacado polos biógrafos: "A cousa máis grande da miña vida na música foi ter coñecido a Kathleen Ferrier e Gustav Mahler... nesa orde".[56][115] Moi poucos cantantes, escribe Lord Harewood, "gañáronse unha despedida tan poderosa dun compañeiro maior".[56] Nun servizo memorial na catedral de Southwark o 14 de novembro de 1953 o bispo de Croydon, no seu eloxio, dixo da voz de Ferrier: "Parecía traer a este mundo un brillo doutro mundo".[110]
De cando en vez os comentaristas teñen especulado sobre as direccións que puidera tomar a carreira de Ferrier de seguir viva. En 1951, mentres se recuperaba da súa mastectomía, recibiu unha oferta para cantar a parte de Brangäne na ópera de Wagner Tristan und Isolde no Bayreuther Festspiele de 1952. Segundo Christiansen ela podería ter estado "gloriosa" no papel, e estaba sendo igualmente buscada pola dirección de Bayreuth para cantar o papel de Erda no Ciclo do Anel.[37][116] Christiansen suxire tamén que, dados os cambios de estilo nos últimos 50 anos, Ferrier tería menos éxito no mundo do século XX: "Non nos gustan as voces baixas, por unha cousa as contraltos agora soan extravagantes, e mesmo a maioría das mezzosopranos poden ser máis precisamente clasificadas case como sopranos".[37] Con todo, ela era "unha cantante de, e para, o seu tempo, unha época de dor e fatiga, auto-estima nacional e crenza na nobreza humana". Neste contexto "a súa arte encóntrase íntegra, austera, sen pretensións, fundamental e sincera".[37]
Pouco despois da morte de Ferrier, Barbirolli, Walter, Myra Hess e outros lanzaron un chamamento para establecer un fondo para a investigación sobre o cancro no nome de Ferrier. As doazóns chegaron de todas as partes do mundo. Para dar a coñecer a iniciativa ofreceuse un concerto especial no Royal Festival Hall o 7 de maio de 1954, no que Barbirolli e Walter compartiron a dirección sen cobrar. Entre as obras interpretadas destacaron When I am laid in earth de Purcell, que Ferrier cantara frecuentemente; nesta ocasión a parte vocal foi interpretada por un corno inglés. O Kathleen Ferrier Cancer Research Fund axudou a establecer a Kathleen Ferrier Chair of Clinical Oncology no University College Hospital, en 1984. En 2012, aínda seguía a financiar a investigación oncolóxica.[117][118]
Como resultado dun chamamento independente, aumentado polas vendas dunhas memorias editadas por Neville Cardus, creouse o Kathleen Ferrier Memorial Scholarship Fund para animar aos novos cantantes británicos e da Commonwealth de ambos sexos. O Fondo, que operou dende 1956 baixo os auspicios da Royal Philharmonic Society, inicialmente proporcionaba un premio anual que cubría os custos dun ano de estudos a un só gañador do premio.[119][120] Coa chegada de novos patrocinadores, o número e o alcance dos premios aumentou considerablemente dende aquela; a lista de gañadores dos Ferrier Awards inclúe moitos cantantes de reputación internacional, entre eles Felicity Palmer, Yvonne Kenny, Lesley Garrett e Bryn Terfel.[121] A Kathleen Ferrier Society, fundada en 1993 para promover o interese en todos os aspectos da vida e a obra da cantante, outorga dende 1996 unha bolsa anual a estudantes das principais escolas de música británicas.[122] A Sociedade organizou unha serie de eventos para conmemorar o centenario do nacemento de Ferrier en 2012.[123] En febreiro de 2012 Ferrier era unha das dez personalidades británicas destacadas homenaxeadas pola Royal Mail na colección de selos "Britons of Distinction". Outro foi Frederick Delius.[124]
Un documental biográfico, La vie et l'art de Kathleen Ferrier – Le chant de la terre foi dirixido por Diane Perelsztejn e producido por ARTE France en 2012. Contou con entrevistas a familiares próximos, amigos e compañeiros para dar unha visión nova da súa vida e as súas contribucións ás artes.[125] O Kathleen Ferrier Crescent,[126] en Basildon (Essex), recibe ese nome no seu honor.[127]
Gravacións
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Discografía de Kathleen Ferrier.
A discografía de Ferrier consiste en gravacións de estudio realizadas para os selos Columbia e Decca, así como gravacións tomadas das interpretacións en directo que foron posteriormente publicadas en disco. Nos anos transcorridos dende a súa morte, moitas das súas gravacións foron reeditadas nos medios modernos; entre 1992 e 1996 Decca publicou a Kathleen Ferrier Edition, que incorporou a maioría do repertorio gravado por Ferrier, en 10 discos compactos.[128] O discográfico Paul Campion chamou a atención das numerosas obras que ela interpretou pero non gravou, ou para as que non saíu á luz a gravación completa. Por exemplo, só unha aria de Dream of Gerontius de Elgar, e ningunha das versións das cancións do século XX de Holst, Bax, Delius e outros foron gravadas. Só unha pequena parte de Johannes-Passion de Bach foi rexistrada en disco.[129]
Dúas gravacións de Ferrier foron especialmente populares, sendo compradas como gravacións e emitidas regularmente como favoritos en BBC Radio en programas como Desert Island Discs, Housewives' Choice e Your Hundred Best Tunes. Estas eran a súa interpretación a cappella da canción popular de Northumbria, "Blow the Wind Southerly", e a aria Che farò ("Que é a vida?") da ópera Orfeo ed Euridice. Estas foron a cara-A dos rexistros e as correspondentes caras-B, que tamén se fixeron familiares, foron "The Keel Row" e "Art thou troubled?" da ópera de Händel Rodelinda. Estas gravacións vendéronse en grandes cantidades, que rivalizaban con outras estrelas da época como Frank Sinatra e Vera Lynn. Hoxe en día as súas gravacións aínda venden milleiros de copias cada ano.[130][131][132][133]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Winifred Ferrier dá como honorarios unha guinea.[18] Leonard suxire que Ferrier recibiu a suma inferior de sete xilins e seis peniques.[17]
- ↑ Estas primeiras probas de gravación non foron publicadas ata decembro de 1978. Entón foron incluídas nun LP titulado Great British Mezzo Sopranos and Contraltos.[38]
- ↑ Leonard refírese erroneamente a Alma Mahler como "a filla do compositor".[57] Ferrier coñeceu a Anna Mahler, a filla do compositor, na recepción despois do concerto.[58]
- ↑ Isabel II accedera ao trono logo da morte de seu pai, o Rei Xurxo VI, o 6 de febreiro de 1952. No diario de Ferrier o día 6 de febreiro lese "O Rei morreu", e sinala o aprazamento dunha emisión que debía terse realizado ese día.[85]
- ↑ Winifred Ferrier di desta carta: "Kathleen ditou a súa resposta e asinouna ela".[107] Todas as cartas datadas con posterioridade das Letters and Diaries de Fifield están escritas e asinadas por Bernadine Hammond, o axudante de Ferrier.[108]
- ↑ Segundo Measuringworth.com, £15 134 en 1953 equivalía a £329 000 en 2010 empregando o Retail Price Index, ou £909 000 usando ingresos medios.[112]
- ↑ O 23 de maio de 1953 un xornal local, o West Somerset Free Press, pediu desculpas aos seus lectores por suxerir, nun informe anterior, que a carreira de Ferrier finalizara. "Agora estamos informados de que aínda que a Señorita Ferrier estivo enferma a súa incapacidade é puramente temporal e non afectará de ningún xeito ao seu regreso á actividade profesional."[113]
- Referencias
- ↑ Cardus 1954, pp. 19–20
- ↑ Ferrier 1955, pp. 14–16
- ↑ Leonard 1988, pp. 7–8
- ↑ Leonard 1988, p. 10
- ↑ Leonard 1988, pp. 12–14
- ↑ Cardus 1954, pp. 15–16
- ↑ 7,0 7,1 Leonard 1988, pp. 19–20
- ↑ 8,0 8,1 Ferrier 1955, p. 30
- ↑ Leonard 1988, p. 22
- ↑ Leonard 1988, p. 23
- ↑ Ferrier 1955, p. 33
- ↑ Leonard 1988, p. 26
- ↑ Burton, Humphrey (24 de abril de 1988). "The powerful legacy of the Blackburn diva – Review of 'Kathleen – The Life of Kathleen Ferrier 1912–1953' by Maurice Leonard". The Sunday Times (en inglés). Consultado o 4 de abril de 2016.
- ↑ Leonard 1988, pp. 26–28
- ↑ Leonard 1988, pp. 27 e 39
- ↑ Leonard 1988, pp. 28–30
- ↑ 17,0 17,1 Leonard 1988, p. 33
- ↑ Ferrier 1955, p. 37
- ↑ "Partitura de Ma Curly-Headed Babby" (en inglés). National Library of Australia: Hatzfeld & Co. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, pp. 33–35
- ↑ 21,0 21,1 Ferrier 1955, pp. 39–40
- ↑ Leonard 1988, pp. 36–38
- ↑ 23,0 23,1 Fifield, p. 17
- ↑ Leonard 1988, pp. 40–41
- ↑ Ferrier 1955, p. 45
- ↑ Leonard 1988, pp. 42–43
- ↑ Leonard 1988, pp. 45–47
- ↑ Ferrier 1955, pp. 46–48
- ↑ "Localización do piso e London Blue Plaque" (en inglés). flickr.com. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ 30,0 30,1 Leonard 1988, pp. 50–51
- ↑ Fifield 2003, p. 222
- ↑ Hendeson 1954, pp. 40–41
- ↑ Henderson 1954, p. 58
- ↑ Leonard 1988, p. 57
- ↑ Ferrier 1955, p. 53
- ↑ Cardus 1954, p. 28
- ↑ 37,0 37,1 37,2 37,3 37,4 Christiansen, Rupert (8 de setembro de 2003). "The glory of 'Klever Kaff'". The Daily Telegraph (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Campion 2005, pp. 3–4
- ↑ Campion 2005, pp. 5–6
- ↑ Campion 2005, pp. 8–11
- ↑ Leonard 1988, p. 73
- ↑ Leonard 1988, pp. 74–75 e 86
- ↑ Leonard 1988, p. 80
- ↑ Ferrier 1955, p. 70
- ↑ Leonard 1988, p. 67
- ↑ Fifield 2003, p. 234
- ↑ Britten 1954, pp. 83–85
- ↑ Fifield 2003, p. 31
- ↑ Leonard 1988, pp. 89–90
- ↑ Fairman, Richard (30 de abril de 2010). "Benjamin Britten at Glyndebourne". Financial Times (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, p. 91
- ↑ Fifield 2003, p. 33
- ↑ Leonard 1988, pp. 94–96
- ↑ Walter 1954, pp. 110–11
- ↑ Leonard 1988, p. 100
- ↑ 56,0 56,1 56,2 Harewood, Earl of (2004). "Ferrier, Kathleen Mary" (en inglés). Oxford Dictionary of National Biography online. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, p. 105
- ↑ Fifield 2003, p. 50
- ↑ Fifield 2003, p. 49
- ↑ Leonard 1988, pp. 104–14
- ↑ Leonard 1988, pp. 115–20
- ↑ Leonard 1988, p. 121
- ↑ Fifield 2003, pp. 60–61
- ↑ Fifield 2003, p. 64
- ↑ Leonard 1988, pp. 127–28
- ↑ Leonard 1988, p. 142
- ↑ Blyth, Alan (2007). "Ferrier, Kathleen (Mary)" (en inglés). Oxford Music Online. Consultado o 21 de xuño de 2011.
- ↑ Fifield 2003, p. 93
- ↑ Blyth, Alan (novembro 1975). "Medea and Song Recital". Gramophone (en inglés). p. 129. Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2010. Consultado o 20 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, pp. 153–55
- ↑ Leonard 1988, pp. 160–64
- ↑ Leonard 1988, p. 165
- ↑ Ferrier 1955, p. 147
- ↑ Fifield 2003, p. 287
- ↑ Leonard 1988, p. 177
- ↑ Ferrier 1955, p. 155
- ↑ Leonard 1988, pp. 179–81
- ↑ Britten 1954, p. 86
- ↑ Leonard 1988, pp. 188–89
- ↑ Leonard 1988, pp. 190–93
- ↑ Barbirolli 1954, p. 99
- ↑ Campion 2005, pp. 80–82
- ↑ Britten 1954, p. 87
- ↑ 84,0 84,1 Fifield 2003, p. 296
- ↑ Fifield 2003, p. 294
- ↑ Leonard 1988, p. 207
- ↑ Campion 2005, pp. 87–90
- ↑ Leonard 1988, pp. 208–11
- ↑ Leonard 1988, pp. 217–19
- ↑ Campion 2005, pp. 97–98
- ↑ Cardus, Neville (6 de novembro de 1952). "Schumann's Frauenliebe und Leben: Kathleen Ferrier at the Royal Festival Hall". The Guardian. p. 3.
- ↑ Fifield, p. 181
- ↑ Leonard 1988, p. 226
- ↑ Leonard 1988, pp. 216 e 228
- ↑ Campion 2005, pp. 100–01
- ↑ Baum, Michael; et al. (20 April 1996). "Adjuvant Treatment with Tamoxifen". British Medical Journal 312 (7037): 1036–37. JSTOR 29731404. doi:10.1136/bmj.312.7037.1036.
- ↑ Leonard 1988, pp. 229–30
- ↑ Barbirolli 1954, p. 107
- ↑ Fifield 2003, pp. 183–84
- ↑ Leonard 1988, pp. 231–34
- ↑ "Miss Kathleen Ferrier Suffering From Strain". The Guardian. 10 de febreiro de 1953. p. 5.
- ↑ Leonard 1988, p. 234
- ↑ Leonard 1988, pp. 235–36
- ↑ Leonard 1988, pp. 241–45
- ↑ Fifield 2003, p. 185
- ↑ Fifield 2003, p. 192
- ↑ Ferrier 1955, p. 179
- ↑ Fifield 2003, pp. 192–93 e 199–200
- ↑ Fifield 2003, p. 305
- ↑ 110,0 110,1 110,2 Leonard 1988, pp. 246–51
- ↑ Leonard 1988, p. 248
- ↑ "Five Ways to Compute the Relative Value of a UK Pound Amount, 1830 to Present" (en inglés). MeasuringWorth. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, p. 29
- ↑ Jack, Ian (28 de marzo de 2009). "How suffering became a public act". The Guardian (en inglés). Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, p. 246
- ↑ Leonard 1988, pp. 197–98
- ↑ "Kathleen Ferrier fund led way for cancer study". Lancashire Telegraph (en inglés). 20 de abril de 2012. Consultado o 9 de xaneiro de 2013.
- ↑ Leonard 1988, pp. 246–49
- ↑ "About the Fund" (en inglés). The Kathleen Ferrier Memorial Scholarship Fund. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Leonard 1988, p. 250
- ↑ "The Kathleen Ferrier Awards: Winners" (en inglés). The Kathleen Ferrier Memorial Scholarship Fund. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2012. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "Kathleen Ferrier Society Bursary for Young Singers" (en inglés). The Kathleen Ferrier Society. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "2012 – 100th Anniversary" (en inglés). The Kathleen Ferrier Society. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "Britons of Distinction" (en inglés). The British Postal Museum & Archive. 23 de febreiro de 2012. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "La vie et l'art de Kathleen Ferrier – Le chant de la terre" (en francés e alemán). Arte TV. Arquivado dende o orixinal o 26 de outubro de 2015. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ 51°34′50″N 0°25′50″L / 51.58056, 0.43047
- ↑ "Street Name Meanings" (en inglés). Basildon Council. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ "Kathleen Ferrier Edition" (en inglés). Decca Records. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2012. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Campion 2005, pp. 106–07
- ↑ Fifield 2003, p. 3
- ↑ Roger Parker (1997). Leonora's Last Act. Princeton University Press. p. 168. ISBN 978-0-691-01557-6.
- ↑ Ian Jack (2011). "A voice is a person". The Country Formerly Known as Great Britain. Random House. ISBN 978-1-4464-4809-0.
- ↑ Christiansen, Rupert (17 de xaneiro de 2012). "Kathleen Ferrier: Consoling angel and the nation's darling". The Daily Telegraph (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kathleen Ferrier |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Barbirolli, John (1954). "Kathleen ... The Last Years". En Neville Cardus (ed.). Kathleen Ferrier: A Memoir (en inglés). Londres: Hamish Hamilton.
- Britten, Benjamin (1954). "Three Premieres". En Neville Cardus (ed.). Kathleen Ferrier: A Memoir (en inglés). Londres: Hamish Hamilton.
- Campion, Paul (2005). Ferrier – A Career Recorded (en inglés). Londres: Thames Publishing. ISBN 0-903413-71-X.
- Cardus, Neville (1954). "The Girl from Blackburn". En Neville Cardus (ed.). Kathleen Ferrier: A Memoir (en inglés). Londres: Hamish Hamilton.
- Ferrier, Winifred (1955). The Life of Kathleen Ferrier (en inglés). Londres: Hamish Hamilton. OCLC 612023977.
- Fifield, Christopher, ed. (2003). Letters and Diaries of Kathleen Ferrier (en inglés). Woodbridge: The Boydell Press. ISBN 1-84383-012-4.
- Henderson, Roy (1954). "Per Ardua ...". En Neville Cardus (ed.). Kathleen Ferrier: A Memoir (en inglés). Londres: Hamish Hamilton.
- Leonard, Maurice (1988). Kathleen: The Life of Kathleen Ferrier, 1912–1953 (en inglés). Londres: Hutchinson. ISBN 0-09-173464-9.
- Walter, Bruno (1954). "Farewell". En Neville Cardus (ed.). Kathleen Ferrier: A Memoir (en inglés). Londres: Hamish Hamilton.
- Ariel, Yakir (2018). "The Community, Voice and Passion of Kathleen Ferrier: A Critical Outlook on the Legendary English Contralto" (en inglés).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- The Kathleen Ferrier Society (KFS) (creada para difundir a vida e a música de Kathleen Ferrier)
- "Proper Introduction To Kathleen Ferrier: Blow The Wind Southerly CD". CD Universe. (breves mostras da voz de Ferrier dun CD editado en 2005)
- "Kathleen Ferrier (contralto)". BBC (h2g2). 30 de xullo de 2007. (resumo biográfico)
- Bruil, Rudolf A. (agosto de 2009). "Klaas A. Posthuma – 1935–2001 – Journalist – Producer – Opnametechnicus". Audio & Music Bulletin. Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2016. Consultado o 20 de xuño de 2016. (en neerlandés, cunha sinopse en inglés, que inclúe a descrición da preparación da gravación de Orfeo ed Euridice de 1951 do Holland Festival)