Saltar ao contido

Eurocopter HH-65 Dolphin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eurocopter HH-65 Dolphin
Tipohelicóptero de busca e rescate
FabricanteAérospatiale Helicopter Corporation
American Eurocopter
Primeiro voo1980
Introducido1985
Principais usuariosGarda Costeria dos Estados Unidos
Unidades construídas102

O Eurocopter HH-65 Dolphin é un helicóptero bimotor de busca e rescate (SAR) con capacidade de evacuación médica operado pola Garda Costeira dos Estados Unidos. É unha variante do aparello construción francesa Eurocopter AS365 Dauphin.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

A versión SA366 G1 Dauphin foi seleccionada pola Garda Costeira dos Estados Unidos en 1979 como o seu novo helicóptero de rescate e de recuperación no mar de corto alcance, substituíndo ao Sikorsky HH-52A Sea Guard. Mercáronse en total 99 aparellos, optimizados para as tarefas de busca e rescate da Garda Costeira e recibindo a designación HH-65A Dolphin. A diferenza do HH-52, o HH-65A non é capaz de realizar amaraxes.[1] O HH-65 normalmente leva unha tripulación de catro persoas: piloto, copiloto, mecánico de voo e rescatador.

O Dolphin foi fabricado por Aerospatiale Helicopter Corporation (despois American Eurocopter) en Grand Prairie, Texas. Seleccionáronse os motores turboeixo Lycoming LTS101-750B-2 como planta de potencia mentres que Rockwell Collins fabricou a aviónica do HH-65 en Cedar Rapids, Iowa.[1]

O HH-65 Dolphin é usado para patrullas de seguridade, carga, interdición de drogas, rotura de xeo, preparación militar, control da contaminación e misións de busca e rescate. O HH-65 é coñecido polo seu rotor de cola Fenestron e as súas capacidades de autopilotaxe, que poden completar unha aproximación á auga sen axuda e levalo a un voo estable a 15 metros de altura, ou voar automaticamente buscando patróns, unha habilidade que permite á tripulación ocuparse doutras tarefas.

Co obxectivo de cumprir coas regulacións estadounidenses relacionadas co contido local, baseadas principalmente no valor dos compoñentes individuais da aeronave, precisáronse cambios, destacando a substitución dos motores Turbomeca Arriel do SA365 orixinal por LTS101-750B-2, que no seu momento tiñan que ser estadounidenses. Desafortunadamente, os problemas iniciais con este motor foron a peor xa que o maior peso do HH-65 facía que se producisen episodios de perda de potencia en voo. A Garda Costeira financiou un programa para mellorar a fiabilidade do motor, pero o resultante LTS101-850 non foi capaz de cumprir coas expectativas.

Así, en 1994 a Garda Costeira realizou unha competición para seleccionar un novo motor e en marzo de 2004 anunciou que escollería o Turbomeca Arriel 2C2-CG, xa instalado no EC155. Esta actualización comezou ese mesmo ano e resultou nun aparello máis seguro e capaz. Eses HH-65A e HH-65B modificados, que tamén recibiron novas aviónicas e outras melloras, foron designados HH-65C.

  1. 1,0 1,1 Pike, John. "HH-65 Dolphin". www.globalsecurity.org. Consultado o 2018-11-30.