Baldassare Longhena
Nome orixinal | (it) Baldassare Longhèna |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1596 Venecia, Italia |
Morte | 18 de febreiro de 1682 (85/86 anos) Venecia, Italia |
Actividade | |
Lugar de traballo | Venecia |
Ocupación | arquitecto, escultor |
Período de actividade | 1612 - 1682 |
Profesores | Vincenzo Scamozzi (pt) |
Alumnos | Antonio Gaspari, Bernardo Falcone (pt) e Giuseppe Sardi (pt) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Pai | Melchisedech Longhena |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Baldassare Longhena, nado en Venecia en 1598 e finado no mesmo lugar en 1682, foi un arquitecto italiano do século XVII, un dos máis célebre e representativos do seu tempo.
Vida e obra
[editar | editar a fonte]Nado en Venecia nunha humilde familia orixinaria da provincia de Brescia (seu pai era pedreiro), Longhena tivo como mestre a Vincenzo Scamozzi. Introducido desde novo en relación coa poderosa familia Contarini, comezou pouco despois, xa na vintena de idade a lucirse coas obras de renovación do pazo Malipiero (1621-1622) e coa radical reestruturación do pazo Giustinian-Lolin (1623).
Santa María della Salute
[editar | editar a fonte]Varios anos despois, en 1631 foi encargado de proxectar e erguer a Basílica de Santa María della Salute, a súa creación máis significativa e unha das grandes xoias do barroco véneto e italiano. A Basílica foi construída a causa dun ex voto realizado pola cidadanía logo de sufriren unha terríbel epidemia de peste que danou, en 1630, Venecia e gran parte da Italia setentrional. O corpo central, de planta octagonal, e coroado por unha cúpola que destaca impoñente na Punta do Mar e é perfectamente visíbel ora desde o Canal Grande ora desde a praza de San Marcos. O severo clasicismo do seu interior contrasta nidiamente coas atrevidas concepcións escenográficas da parte externa articulada en formas ricas de movemento propias da inspiración barroca. A construción da Basílica de Santa María della Salute precisou medio século: o edificio non foi inaugurado de feito até 1687, cinco anos despois da morte do seu creador.
Outras obras
[editar | editar a fonte]A actividade de Longhena concentrouse sobre todo en Venecia e nas veciñanzas inmediatas da cidade das canles. Entre as súas maiores realizacións, ademais de Santa Maria della Salute, cómpre sinalarmos:
- O Duomo de Chioggia, destruído por un incendio en 1623 e refeito por Longhena a partir do ano 1633);
- A Procuradoría Nova, en Venecia, que deixara incompleta Vincenzo Scamozzi, e que foi terminada por Longhena en torno a 1640);
- A escalinata da biblioteca de San Giorgio Maggiore, en Venecia (1641-1646);
- O Pazo Belloni-Battaglia, en Venecia (1648-1660);
- A Capella Vendramin en San Pietro di Castello, Venecia (1649);
- Santa María de Nazareth, máis coñecida como Chiesa degli Scalzi, en Venezia (1656-1663);
- Ca' Pesaro, Venecia (1659-1682, completada por Antonio Gaspari en 1710);
- A fachada d igrexa de San Salvador, en Venecia (1663-1664);
- A igrexa dell'Ospedaletto dedicada a San Xoán e San Paulo, en Venecia (1667-1678);
- Ca' Rezzonico, Venecia (Ex Palazzo Bon, 1667-1682, completada por Giorgio Massari no ano 1756).
Influencia e carácter
[editar | editar a fonte]Longhena estivo profundamente influenciado por dous grandes mestres do Cinquecento italiano, Jacopo Sansovino e Andrea Palladio. Plenamente inserto nas correntes barrocas do seu tempo, este grande arquitecto foi quen de dotar a algunhas das súas obras dunha suntuosidade e duns efectos de chiaroscuro, cargados de profundo dramatismo, como podemos observar, especialmente, na que foi a súa obra mestra indiscutíbel: a Basílica de Santa María della Salute.
Discípulos
[editar | editar a fonte]Aprendices, e posteriormente colaboradores de Longhena, foran Giuseppe Sardi (1630-1699) e Antonio Gaspari (1670-1738). O primeiro, orixinario de Lugano, traballou ao lado do grande mestre na execución da igrexa do Ospedaletto, mentres o segundo continuou, como xa foi sinalado arriba, as obras da edificación da Ca' Pesaro logo da morte de Longhena.
Galería
[editar | editar a fonte]-
Procuradoría Nova á dereita, pintura de Guardi -
Igrexa dos Decalzos sobre o Canal Grande -
Ca' Pesaro desde o Canal Grande -
Ca' Rezzonico desde o Canal Grande
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Giuseppe Cristinelli: Baldassare Longhena: architetto del '600 a Venezia. Venecia, Marsilio, 1978
- Douglas Lewis: Baldassare Longhena. Recensione di G. Cristinelli, Baldassare Longhena: architetto del '600 a Venezia, in “Arte Veneta”, xxvii (1973), pp. 328–330
- Daniela del Pesco: L'Architettura del seicento, da serie Storia dell'arte in Italia. Utet, Torino, 1998
- Martina Frank: Baldassare Longhena. Venezia, Istituto Veneto di Scienze, Lettere ed Arti, 2004
- Andrew Hopkins: "Baldassare Longhena". Milán. 2006
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Baldassare Longhena |