Bacterioclorofila
As bacterioclorofilas son pigmentos fotosintéticos que presentan varios tipos de bacterias fototróficas. Presentan aneis de clorina ou bacterioclorina con diversos substituíntes. Foron descubertas por C. B. van Niel en 1932. Están relacionadas coas clorofilas, que son os principais pigmentos fotosintéticos das plantas, algas, e cianobacterias. Os grupos bacterianos que conteñen bacterioclorofila realizan unha fotosíntese anoxixénica, que non produce oxixeno, na que utilizan lonxitudes de onda da luz que non absorben outros organismos fotosintéticos. Hai varios tipos de bacterioclorofilas característicos de diferentes grupos de bacterias, como se resume na táboa:
Pigmento | Grupo bacteriano | Máximo de absorción infravermella in vivo (nm) |
---|---|---|
Bacterioclorofila a | Bacterias púrpuras, Heliobacterias, Bacterias verdes do xofre, cloroflexos, Chloracidobacterium thermophilum[1] | 805, 830-890 |
Bacterioclorofila b | Bacterias púrpuras | 835-850, 1020-1040 |
Bacterioclorofila c | Bacterias verdes do xofre, cloroflexos, C. thermophilum | 745-755 |
Bacterioclorofila cs | Cloroflexos | 740 |
Bacterioclorofila d | Bacterias verdes do xofre | 705-740 |
Bacterioclorofila e | Bacterias verdes do xofre | 719-726 |
Bacterioclorofila f | Bacterias verdes do xofre (actualmente só se atopou por medio de mutacións, pero podería existir na natureza)[2] | 700-710 |
Bacterioclorofila g | Heliobacterias | 670, 788 |
As bacterioclorofilas a, b, e g son bacterioclorinas, o que significa que as súas moléculas teñen un anel macrocíclico de bacterioclorina con dous aneis pirrol reducidos (B e D). As bacterioclorofilas c, d, e, e f son clorinas, o que significa que as súas moléculas teñen un anel macrocíclico de clorina cun anel pirrol reducido (D).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bryant, Donald A.; et al. (2007-07-27). "Candidatus Chloracidobacterium thermophilum: An Aerobic Phototrophic Acidobacterium". Science 317 (5837): 523–526. PMID 17656724. doi:10.1126/science.1143236.
- ↑ Vogl, Kajetan; et al. (2012-08-10). "Bacteriochlorophyll f: properties of chlorosomes containing the "forbidden chlorophyll"". Front. Microbiol. 3 (298): 1–12. PMID 22908012. doi:10.3389/fmicb.2012.00298.