Henrik Pontoppidan
Henrik Pontoppidan, nado en Fredericia o 24 de xullo de 1857 e finado en Copenhaguen o 21 de agosto de 1943, foi un novelista dinamarqués, gañador do Premio Nobel de Literatura en 1917.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de xullo de 1857 Fredericia, Dinamarca (pt) |
Morte | 21 de agosto de 1943 (86 anos) Ordrup, Dinamarca (en) |
Residencia | Fredericia (pt) Randers (pt) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Copenhague |
Ocupación | escritor, autobiógrafo, novelista, poeta |
Período de actividade | 1881 - 1943 |
Xénero artístico | Prosa |
Familia | |
Familia | Q121301188 |
Cónxuxe | Antoinette Kofoed (1892–) Mette Marie Hansen (1881–1892), divorcio |
Pai | Dines Pontoppidan |
Irmáns | Knud Pontoppidan Erik Pontoppidan Morten Pontoppidan |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Понтоппидан Хенрик) Encyclopædia Britannica |
Traxectoria
editarA súa infancia
editarHenrik Pontoppidan naceu na aldea de Fredericia, na Península de Iutlandia. O seu pai era un estudoso bíblico que seguía e apoiaba as teorías extremistas do teólogo Grundtvig.
A pouco de nacer Henrik, a familia mudouse ao pobo de Randers, que fora invadido e saqueado polas tropas austríacas e prusianas. A visión da destrución e a miseria deixada atrás pola guerra causou unha forte impresión no pequeno Henrik, que se traduciría no pesimismo das súas novelas, en varias das cales retornaría sobre o tema das guerras e as penurias subseguintes.
A súa mocidade
editarEnfrontado cos seus pais, Henrik negouse a seguir a tradición eclesiástica da súa familia, e abandonou o pobo para estudar enxeñaría no Instituto Politécnico de Copenhague, pero en 1879 cansouse de estudar e trasladouse ao interior do país, onde exercería como mestre de escola secundaria ata 1910.
É durante este período cando Henrik escribe e publica a súa primeira colección de contos, "ás cortadas" (1881).
Ese mesmo ano, o autor casou con Mette Marie Hansen, que o axudou a independizarse e apoiou os seus intentos por vivir exclusivamente da literatura. Desde entón e ata 1888 o matrimonio viviu no campo, ata que se estableceron en Copenhague logo de varias viaxes por Alemaña e Italia.
Primeiras obras
editarNestes traballos primixenios Pontoppidan estudou o contraste entre natureza e cultura, ou, o que é o mesmo, entre a contorna e as aspiracións humanas. No seu conto "O barquiño" (Kirkeskuden), de ás cortadas", un neno xitano que quedou orfo é criado por un sacerdote e a súa esposa. O pequeno toma un modelo votivo de barco da igrexa e lévao á auga, onde inmediatamente se afunde para a súa desesperación.
Así, case sempre na literatura de Henrik a natureza se opón ao espírito humano, obstaculizando o progreso da alma e a paz da mente. Como outros escritores do seu tempo, Pontoppidan é un antinaturalista sen concesións, volvendo as costas á doutrina naturalista do crítico e escritor Brandes.
Entre "ás cortadas" e 1890 publicou máis de 10 libros, pero ningún deles é demasiado coñecido. A fama chegaríalle coas tres longas novelas que publicaría a continuación.
As súas novelas maiores
editarEntre 1891 e 1916 Henrik produciu, posiblemente, as obras máis importantes da súa carreira. Trátase de tres series de novelas irónicas, poboadas de personaxes que se esforzan por cambiar os seus lugares no mundo, mentres o mundo se confabula para frustrar os seus desexos. A carga da natureza, como sempre, faise presente aquí para dobregar aos homes baixo o seu peso brutal.
"A Terra Prometida", en tres tomos (1891-1895); "Pedro o Afortunado", en oito tomos (1898-1904); e "O reino dos mortos", en cinco tomos (1912-1916), analizan o sistema de cousas de principios do século XX e moi especialmente o mundo das ideas e das crenzas relixiosas, atacando con enorme furia a contorna da ortodoxia teolóxica no cal Henrik fora criado e que odiaba con todo o seu corazón.
A primeira triloxía trata da loita entre os seguidores de Grundtvig e uns evanxelistas idealistas, formando delicados retratos psicolóxicos dos personaxes, en particular dun pastor chamado Emmanuel Hansted, puro e pío, que resiste a toda tentación para cumprir as súas aspiracións. Logo dunha brava loita, o bo pastor é destruído.
A longa saga de "Pedro o Afortunado" relata a vida dun dos opositores a Hansted chamado Per (Pedro) Sidenius. Trátase dun enxeñeiro civil, explorador e inspector de autoestradas que, a pesar de renegar dos ensinos do pastor, é xeneroso e non persegue glorias persoais. Pedro é o fillo dun pastor protestante, rebélase contra a relixión e embárcase nun proxecto industrial grandioso, pero a súa inercia e a súa incapacidade para actuar e tomar decisións lévano á caída. Logo do golpe, Pedro atopa a verdadeira fe. A pesar da obvia natureza autobiográfica do personaxe, este tamén foi caracterizado pola crítica como un tipo nacional danés.
A pentaloxía de "O reino dos mortos" relata un patético e desconsolador cadro social, moi acorde co omnipresente pesimismo de Pontoppidan. Os cambios sociais afunden á xente no canto de beneficiala, e parece que ningún cambio servise nunca para nada. Un príncipe danés e rico terratenente chamado Myshkin intenta axudar aos traballadores das súas terras, pero estes vólvense contra el inxustamente, mentres un político, Enslev, constrúe a súa carreira sobre a traizón ao pobo e aos obreiros. A novela é tan escura que un dos personaxes morre dicindo "Mórrome... e sen vivir".
O obxectivo de Henrik nestas grandes e voluminosas novelas foi crear un cadro crible e axustado da realidade danesa do tempo que lle tocou vivir. Os individuos son recoñecibles como tipos sociais, e analízaos en relación con graves conflitos laborais, políticos, sociais e relixiosos. O personaxe de Hansted é particularmente ilustrativo deste punto, e quizais o máis maltratado polo autor no medio desta pléyade de sufridores protagonistas e figurantes: querido e respectado pola súa comunidade en canto xeneroso e idealista, abandona aos seus iguais para ir vivir a Copenhaguen onde coñece a unha muller de mundo e namórase dela. Logo de caer nunha crise de delirio místico, remata morrendo nun manicomio.
Literatura, ideoloxía e crítica
editarHenrik separouse da súa esposa en 1888 cando esta, farta da vida na cidade, se volveu ao campo cos seus pais. Catro anos máis tarde, o literato casou en segundas nupcias con Antoinette C. Kofoed coa que tivo dous fillos.
Mentres os demais escritores abandonaban a crítica social, cansados da depresión e as continuas crises en que se debatían os sucesivos gobernos daneses, Pontoppidan acentuou aínda máis os seus ataques contra a corrupción e deixamento dos seus gobernates, os cales deixou plasmados no seu excelente libro de contos "Nubes" (1890). Nel retrata a covardía do pobo, que prefire tolerar o atraso e a corrupción con tal de non abandonar as súas cómodas, pequenas vidas.
Na súa autobiografía, o escritor confesa que logo volveu á novela, a que, a pesar da mala fama que se lle atribuía, era, ao seu xuízo, o xénero que máis se aproximaba ao drama clásico e á epopea épica.
O Premio Nobel
editarEn 1917 Henrik gañou o Premio Nobel de Literatura (compartido con Karl Gjellerup). Os demais escritores estiveron de acordo coas palabras de Thomas Mann, quen afirmou que o danés era un "poeta épico nato, un conservador que preservou para nós o gran estilo da novela".
Pontoppidan dicía de si mesmo, en cambio, que era un "narrador tradicional". A realidade é que ningún outro novelista danés logrou unha tan precisa interpretación da súa propia sociedade e dos tempos que lle tocou vivir.
Obras seleccionadas
editar
|
|