Pequena Idade de Xeo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2015.) |
A Pequena Idade de Xeo (PIX) foi un período de arrefriamento ocorrido despois da era máis quente denominada Óptimo climático medieval. Meteorólogos e historiadores non se poñen de acordo entre si sobre as datas de comezo e final do período. Algúns limitan a Pequena Idade de Xeo aproximadamente entre o século XVI e a metade do século XIX, mentres outros suxiren un período entre o século XIII e o século XVII. Hai un certo consenso xeral en que houbo tres máximos e mínimos, comenzando arredor de 1650, cerca de 1750 e sobre 1850, cada un deses picos separados por intervalos de lixeiro quecemento.
Creuse, en principio, que a PIX fora un fenómeno global, mais non está claro se é certo. O Intergovernmental Panel on Climate Change (IPCC) (Observatorio Intergubernamental sobre o Cambio Climático), baseado en estudos de Bradley e Jones, 1993; Hughes e Diaz, 1994; Crowley e Lowery, 2000, describe a PIX como un modesto arrefriamento do Hemisferio Norte durante ese período menor de 1 °C, e engade as evidencias correntes non apoian a existencia de períodos sincrónicos globalmente de frío ou quecemento anómalo neste marco temporal, e os termos convencionais "Pequena Idade de Xeo" e "Período Quente Medieval" semellan ter unha utilidade limitada para describir a tendencias dos cambos de temperaturas, hemisféricos ou globais, nos séculos pasados. Hai evidencias, porén, de que a PIX afectou o Hemisferio Sur (ver abaixo).
Hemisferio Norte
[editar | editar a fonte]A PIX trouxo amargos invernos fríos a moitas parte do mundo, pero isto está mellor documentado en Europa e América do Norte. A mediados do século XVII, os glaciares dos Alpes suízos avanzaron, gradualmente, engulindo granxas e esmagando aldeas completas. O río Támese, canais e ríos dos Países Baixos, conxeláronse a miúdo durante o inverno, de xeito que a xente patinaba e mantiña diversións sobre o xeo. O primeiro conxelamento do Támese foi en 1607; o derradeiro en 1814. O conxelamento do Corno de Ouro e a sección meridional do Bósforo ocorreu en 1622. O inverno de 1794-1795 foi particularmente duro cando a invasión francesa con Pichegru tivo que marchar sobre os ríos xeados de Holanda, en tanto a frota holandesa quedou atrapada polo xeo no porto de Den Helder. No inverno de 1780, co porto de Nova York, conxelado, obrigou a xente a camiñar desde Manhattan a Staten Island. Xeo mariño arrodeou Islandia, estendéndose varios quilómetros por calquera dirección, pechando os portos da illa á navegación.
Os severos invernos afectaron á vida humana de maneiras graves e leves. A poboación de Islandia caeu á metade, mais talvez fora debido a fluorose causada por unha erupción do volcán Laki en 1783. As colonias viquingas en Groenlandia, porén, claramente desapareceran (cara 1400) porque non podían manterse por falta de alimentos. En América do Norte os indios crearon ligas en resposta á carencia de alimentos.
"En moitos anos, as nevadas foran máis duras do que se rexistrase antes ou despois, e a neve permaneceu sobre a terra moito máis tempo do que o acontece hoxe"[Cómpre referencia]. Moitas primaveras e veráns foran excesivamente fríos e húmidos, aínda que houbo gran variedade entre anos e períodos de anos. Os costumes de colleitar, ai longo de Europa, tiveran que ser alterados para adaptalos ao acurtamento, a unha menor estación de crecemento, aparecendo moitos anos de mortalidade e fame (como a Grande Fame de 1315-1317, aínda que esta queda fóra da PIX propiamente dita). A viticultura desapareceu por enteiro dalgunhas rexións setentrionais. Violentas tormentas causaron inundacións enormes e perdas en vidas. Algunhas provocaran a desaparición permanente de grandes treitos de terra nas costas de Dinamarca, Alemaña e Países Baixos.
A extensión dos glaciares das montañas foi cartografada a fins do século XIX. Tanto nas zonas temperadas do Norte e do Sur do noso planeta, as liñas de neve (os límites que separan as zonas de acumulación das de ablación) estaban 100 m máis baixas de como figuraban en 1975. No Glacier National Park (USA) (Parque Nacional de Glaciares), o último episodio de avance glacial ocorreu a fins do século XVIII e inicios do XIX. Na Badía de Chesapeake, Maryland (USA), as grandes oscilacións das temperaturas durante a Pequena Idade de Xeo (~1400-1900) e o Período Quente Medieval (~800-1300) posibelmente estean relacionados con cambios na forza do Atlántico Norte circulación termohalina.
En Etiopía e Mauritania foi rexistrada neve permanente en picos de montañas a niveis nos que hoxe non acontece. Tombuctú, unha importante cidade no Sahel, na ruta das caravanas transaharianas, sufriu inundacións causadas polo río Níxer cando menos 13 veces. Na China, as froitas propias de épocas quentes, como as laranxas, foran abandonadas na provincia de Jiangxi, onde se deran durante séculos. En América do Norte, os primeiros colonos europeos tamén rexistraran severos invernos excepcionais. Por exemplo, en 1607-1608 o xeo aguantou sobre o Lago Superior ata xuño.
A vida foi especialmente dura para aqueles que vivían baixo a constante ameaza do avance dos glaciares nos Alpes franceses. Dun deles, o glaciar Des Bois, sito nas ladeiras do Mont Blanc, dicíase que avanzaba "o tiro dun mosquetón cada día, aínda no mes de agosto". Cando o Des Bois ameazou con desbordar o río Arve en 1644, os habitantes de Chamonix pregáronlle ao bispo de Xenebra que rogase a Deus axuda. A comezos de xuño, o bispo, con 300 aldeáns reunidos arredor do glaciar, bendiciu o ameazante glaciar e logo outro que había cerca da aldea de Argentiére. Por un tempo a salvación pareceu estar a alcance da man. Os glaciares retrocederon durante 20 anos, ata 1663. Mais deixaran a terra tan desolada que nunca medrarían colleitas nas terras descubertas.
Paisaxes invernais na pintura europea
[editar | editar a fonte]William James Burroughs (Weather, 1981) analizou a plasmación do inverno na pintura. Notou que aconteceu case totalmente no período entre 1565 e 1665, e que estaba asociado coa baixada climática desde 1550 en adiante. Observou que antes dese período non houbo case pinturas de tema invernal, e lanzou a hipótese que o desacostumadamente duro inverno de 1565 inspirou aos grandes artistas para plasmar imaxes altamente orixinais, e que a decadencia do tema na pintura foi unha combinación do exceso de explotación do mesmo xunto con suaves invernos que interromperan o fluxo pictórico.
As famosas pinturas de temas invernais realizadas por Pieter Brueghel o Vello parece que foron pintadas todas en 1565. A neve tamén domina moitas vistas de aldeas do seu fillo Pieter Brueghel o Novo, que viviu entre 1564 e 1638 Burroughs mantén que Pieter Brueghel o Novo "copiaba servilmente os deseños do pai. O carácter imitativo de moitas destas obras fai difícil chegar a conclusións definitivas sobre a influencia dos invernos entre 1570 e 1600".
A pintura holandesa con este tema parece comezar con Hendrick Avercamp despois do inverno de 1608. Houbo entón unha interrupción temática entre 1627 e 1640, cun súbito retorno despois; isto insinúa un intervalo suave na década de 1630. O período de 1640 a 1660 cobre a maior época da pintura holandesa de tema invernal, que axusta coa maior porción de invernos fríos de entón.
O decaemento final da pintura desta temática, arredor de 1660, non coincide cun melloramento do clima. Burroughs por iso prevén contra a interpretación na produción artística, na que hai unha parte de moda que xoga o seu papel. Observa que a pintura de tema invernal reflorece arredor da década de 1780 e da de 1810, que de novo marcan períodos fríos.
A Pequena Idade de Xeo na Península Ibérica
[editar | editar a fonte]Salas e outros (El nostre Esdevenidor Climàtic, 2001) mencionan que o río Ebro se conxelou sete veces entre 1505 e 1789. En 1788 e en 1789 o río permaneceu xeado quince días. O libro tamén menciona a presenza dunha extensa rede de pozos de neve, que se construíron e mantiveron os séculos XVI e XIX ao longo do Mediterráneo oriental, algúns situados en áreas onde non neva na actualidade nin un só día no ano. O almacenamento e distribución do xeo era un negocio vivo que involucraba seccións da poboación rural.
Hai tamén evidencia de que durante o período os glaciares se estenderon nos Pireneos. Aínda mais, os restos do glaciar de Serra Nevada, que finalmente desapareceu a fins do século XX, orixinouse neste período, non sendo, como ás veces se di, restos da última verdadeira Idade glaciar. Os últimos verdadeiros glaciares de Serra Nevada e os Picos de Europa fundíronse a finais do século XIX. Cóidase que as temperaturas en Europa durante o denominado Óptimo climático medieval entre os séculos IX a XIII, deberon subir entre 1 e 1,5 °C por encima da media da temperatura actual, suficiente para que estes glaciares, incluso os dos Pireneos, se fundisen. Os actuais glaciares dos Pireneos formáronse principalmente durante o período frío da PIX e lévanse fundindo lentamente desde entón. A área da superficie total dos glaciares da vertente española dos Pireneos diminuíu de 1.779 hectáreas en 1894 a 290 ha, no ano 2000.
Martin e mais Olcina en Clima i Temps sinalan para España catro períodos de sucesos catastróficos (mediados do século XV, 1570-1610, 1769-1800 e 1820-1860) marcados por choivas intensas, nevadas e tempestades mariñas. Estes períodos mestúranse con interludios de severas secas.
Noutro estudo de A. Sousa e P. García-Murillo en 2003 fíxase nos cambios das zonas húmidas de Andalucía (especialmente Doñana) no final da PIX. Os autores achan que a Pequena Idade de Xeo se caracteriza por períodos máis pluviosos alternando con outros de seca. Outros autores cren que a PIX se caracteriza no Sur da Península Ibérica por un aumento das choivas, maior frecuencia das inundacións e da sedimentación.
Hemisferio Sur
[editar | editar a fonte]Un núcleo de sedimentos oceánicos do oriente da Cunca de Bransfield, Península Antártica mostra acontecementos centenarios que os autores ligan coa Pequena Idade do Xeo e o Período Quente. A PIX distínguese doadamente na capa de xeo de Quelccaya, nos Andes do Perú, en América do Sur.