Vieiros (revista)
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Vieiros, subtitulada como “Revista do Padroado da Cultura Galega do México”, é unha revista galega, cultural e literaria, creada en México en 1959 que deixou de editarse en 1968, tras publicar unicamente catro números. Tiña carácter cultural, antifascista e galeguista e o seu obxectivo era crear unha publicación galega de calidade no exilio e servir de ponte entre exiliados e galegos en España.
Vieiros | |
---|---|
País | México |
Lingua | lingua galega |
Fundación | 1959 |
Descrito por | Diccionario da literatura galega e Enciclopedia Galega Universal |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA revista naceu en México en 1959 no seo do Padroado da Cultura Galega a través da iniciativa dun grupo de galegos exiliados e comprometidos con esta institución. O seu propósito era recoller nas súas páxinas “calquera idea literaria artística e filosófica, sempre que fose antifascista e non se apoiase na ditadura”.
Vieiros recompilou o máis destacado da cultura galega do momento, tanto do interior como da emigración. Ademais, serviu de ponte entre a xeración que sufriu as consecuencias da guerra e a resistencia antifranquista. Non obstante, tan só perdurou até 1968.
En 1989 Edicións A Nosa Terra publicou unha edición facsimilar desta revista, prologada por Margarita Ledo Andión.
Edicións
editarVieiros conta coa publicación de catro números que viron a luz en México e que tiveron unha periodicidade irregular: verán de 1959, outono de 1962, outono de 1965 e primavera de 1968.
Era unha revista de gran formato (33 x 23 cm), impresa en excelente papel, con variedade de caracteres tipográficos e amplas marxes brancas; polo que se pode cualificar de refinada e elegante. Estaba escrita integramente en galego, aínda que tamén contaba con algúns poemas en portugués.
A súa extensión era variable, entre 68 e 86 páxinas de coidado deseño que non contiñan publicidade. Nelas podíanse atopar ilustracións como reproducións artísticas e debuxos reivindicativos de Castelao, Luís Seoane ou Maside, así como achegas doutros debuxantes hispanoamericanos. Recompilaba artigos, poesías, ensaios, contos e debuxos e contaba con seccións fixas.
Seccións fixas
editar- “Alicerce”, un espazo para editoriais.
- “As Ideias”, para actividades culturais de Galicia e do exilio.
- “Os homes”, para as persoas significadas no mundo cultural.
- “Os Feitos”, para acontecementos.
- “As Labouras”, para as celebracións e recordos.
Temática e ideoloxía
editarA temática da revista pódese analizar atendendo aos primeiros e últimos números da mesma. Así, nos primeiros números teñen un papel dominante os temas culturais, sobresaíndo a poesía e a narrativa galegas ademais de achegas ás artes plásticas, ao cine e á música de Galicia.
Doutra banda, nos dous últimos números teñen maior peso os artigos adicados ao ensaio político, económico e cultural, especialmente de autores exiliados (Caridad Mateo, Luís Soto, Carlos Velo…).
No tocante á ideoloxía de Vieiros, cabe dicir que esta era moi aberta xa que procuraba non provocar unha ruptura entre os colaboradores. Esta característica pódese observar atendendo á súa ampla lista, na cal destacan os nomes de Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín, Celso Emilio, Fernández-Oxea, Alberto Vilanova etc.
Dirección e colaboracións
editarA pesar da súa curta duración, á dirección da revista destacaron personaxes como o escritor Luís Soto, o cineasta Carlos Velo e o poeta Delgado Gurriarán, que a partir do terceiro número será substituído por Caridad Mateos. Ademais, como director artístico a publicación contaba co pintor Arturo Souto.
Na súa elaboración salientaron diferentes colaboradores, ilustradores, redactores e administradores:
- Colaboradores: A. Rey Romalde, Ángel Huete Rodríguez, Benito Varela Jácome, Carlos Casares, Domingo García Sabell, Florentino López Cuevillas, Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Neira Vilas, Ramón Piñeiro, Ramón Cabanillas...
- Ilustradores: Carlos Maside, J. Quesada, Luís Seoane, Gironella, Ledo, Tomás Bóveda...
- Redactores: Elixio Rodríguez, Yolanda López, Francisco Comesaña, Luisa Viqueira, Walter Fugarolas…
- Distribuidores: José Cárdenas e Amadeo Varela Rodríguez (responsable da distribución da revista en Europa)
- Administradores: Antonio Yáñez Pereiro, Amadeo Rodríguez, Inocencio Ferrer Ovide, Xermán Rañó.
Relación de Vieiros cos ámbitos literario e artístico
editarÁmbito literario
editarA nivel literario, destaca na revista a abundancia de prosas breves, descricións, relatos curtos e mesmo diálogos costumistas da autoría de Otero Pedrayo, Cabanillas, Cuevillas, Bouza-Brey, Fole…
Nela participaron unha gran variedade de escritores: desde os últimos representantes vivos da xeración Nós (Otero, Cuevillas, Cabanillas…) ata o grupo Brais Pinto, pasando polos homes do Seminario de Estudos Galegos, o grupo Galaxia e os exiliados e emigrados de América. Non obstante, nela tamén escriben, cunha óptica nacionalista, autores do interior como Ferrín ou Alberto Míguez.
Agrupaba artigos, poesías, ensaios e contos:
- Poesía: pódense citar os poemas “Homes-bielas” de Reimundo Patiño, “Primeira lembranza” de Carlos Casares, “Carta” de Arcadio López-Casanova, “Os batracios” de Méndez Ferrín ou “Broadway very late” de Ernesto Guerra da Cal. Ademais, canto aos poetas con maior presenza atopamos a Florencio Delgado Gurriarán, Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar, Matilde Llòria, Xohana Torres, Bernardino Graña…
- Ensaios e comentarios: salientan comentarios sobre a obra de Cabanillas, Manuel Antonio, Iglesia Alvariño, Castelao ou Gil Vicente entre outros; así como o comentario de Ramón Piñeiro sobre a área cultural galego-luso-brasileira. Tamén se publicaron estudos breves sobre lingua e literatura da autoría de Salvador Lorenzana, Carballo Calero, Ramón Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Benito Varela Jácome, Emilio Pita, Elsa Fernández González etc.
- Ensaio: tratáronse de forma profunda e rigorosa temas de carácter económico, histórico e social en artigos de Valentín Paz-Andrade, Taboada Chivite, Amadeo Varela, Hilario Caloto, Xosé Caridad Mateo… Esta introdución do galego no ensaio foi un gran logro da revista Vieiros.
Ámbito artístico
editarNo campo da arte, coinciden en Vieiros os “Renovadores da Arte Galega” de antes da guerra civil (Arturo Souto, Castelao, Díaz Pardo…) e os novos artistas (Xosé Luís de Dios, Conde Corbal, Xulio Maside, Reimundo Patiño…). Non obstante, a maior contribución desta revista á arte débese ao pintor Arturo Souto como director artístico e responsable do seu deseño.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Vieiros". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Vieiros". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Carballo-Calero Ramos, María Victoria. “La aportación decisiva de Arturo Souto a la plástica de Vieiros (Méjico 1955-1968)”. Norba. 1989: 231 - 254 Universidade de Estremadura: Servizo de Publicacións.
- González, Ana. "Luís Soto y su comprometido exilio gallego". Obra Periodistica, 2. 2011.
- Mejía Ruiz, Carmen. Dos vidas y un exilio: Ramón de Valenzuela y María Victoria Villaverde. Estudio y Antología. Madrid: Editorial Complutense. 2011.
- Naharro-Calderón, Jose María. El exilio de las Españas de 1939 en las América : «¿Adónde fue la canción?». Barcelona: Anthropos. 1991.
- Rodríguez Iglesias, Francisco (ed.): Proxecto Galicia. Literatura.[cómpre nº de páxina] A Coruña: Hércules de Ediciones, 2000.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións Periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.
Ligazóns externas
editar- “Publicación Vieiros” Consello da Cultura Galega
- Simón, David. “Medio siglo de «Vieiros»”. Diario de un médico de guardia. Blogspot. 11 Out. 2009 (en castelán).